Barro clausura a Festa do Viño cun concerto espectacular

Barro
17 de xuño 2019

Durante a xornada do domingo, centos de persoas achegáronse ata o municipio para participar da sardiñada popular e das diversas actividades desenvolvidas ao redor do Pazo da Crega. A Festa rematou cun concerto da Banda Xuvenil de Barro acompañada polo Orfeón Treixadura

Presenza de público no concerto final da Festa do Viño Concello de Barro

Barro rematou o seu corenta aniversario da Festa do Viño cun concerto espectacular seguido por centos de persoas no que participaba a Banda Xuvenil do municipio acompañada polo Orfeón Treixadura.

Foi o final perfecto para unha edición na que durante este domingo volveu a vivirse unha xornada festiva na que se desenvolveu o certame de pintura rápida, unha concentración de motos Vespas, Lambrettas e Motos Clásicas, ademais dunha sardiñada que resultou todo un éxito de asistencia.

O Pazo da Crega volveu converterse no centro de actividades con música e bo ambiente.

O alcalde Xosé Manuel Abraldes acudía xunto a outros integrantes do grupo de goberno aos actos que volveron contar con gran presenza de público desde primeiras horas da mañá coa cata de albariños.