Barro reflexionará o 8M sobre a situación das mulleres da man de tres veciñas

Barro
03 de marzo 2022

O Concello de Barro organiza un acto con motivo da celebración do Día internacional da muller no que a través das experiencias vitais e profesionais de tres veciñas se analizará a situación actual das mulleres e a dificultades que continúan tendo

Cartel dos actos do 8M
Cartel dos actos do 8M / Concello de Barro

O Concello de Barro organiza un acto con motivo da celebración do Día internacional da Muller no que a través das experiencias vitais e profesionais de tres veciñas se analizará a situación actual das mulleres e a dificultades que continúan tendo.

Terá lugar o próximo martes 8 de marzo, ás 20:30 horas, no Centro Cívico.

O acto estará conducido por Ángela Aboy, veciña de Barro e estudante universitaria, e contará coa presenza e intervencións de tres veciñas de distintas xeracións e de distintos ámbitos sociais e profesionais.

Trátase da xornalista Chus Gómez Dorrego, Sara Giráldez Bermúdez, futbolista, graduada en Ciencias da actividade física e deportiva e graduada en Educación infantil e Aroa Outón, pintora e graduada en Historia da arte. 

O acto rematará coa lectura dun manifesto no que se describe a situación actual da muller, os avances conseguidos grazas aos movementos feministas e, sobre todo, no que se detallarán todos os camiños que aínda quedan por percorrer para chegar a unha igualdade real e ao fin da precariedade laboral da que moitas mulleres son vítimas.