O tenente de alcalde, Tino Fernández, levará este luns a Xunta de Goberno o convenio anual que permitirá formalizar a colaboración da Concellería de Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Pontevedra (Afapo).
O acordo que será asinado co presidente do colectivo, José Manuel Fontenla, traducirase nunha subvención municipal de 6.000 euros para os talleres de prevención cos que Afapo fomenta a estimulación cognitiva das persoas con este tipo de doenzas.
Tino Fernández sinalou que "dende o Concello considérase necesario apoiar o traballo que Afapo está a realizar para contribuír a cubrir as súas necesidades e facilitar a prestación de servizos especializados que melloren as súas condicións e calidade de vida".
Afapo é recoñecida pola súa actividade na cidade de Pontevedra dende a súa creación, o 19 de febreiro de 2004.
Nestes momentos conta, ademais de coas instalacións do seu centro terapéutico, cun centro de día situado no Gorgullón, nun inmoble que o Concello lle cedeu á Xunta (cesión ratificada en sesión plenaria o 22 de febreiro de 2008) por un período de 15 anos coa finalidade de adicalo á atención especializada a persoas enfermas de Alzhéimer e outras demencias.
O colectivo, que conta na actualidade con máis de 300 socios, leva a cabo xestión deste centro dende 2012.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.