Benestar Social leva investidos máis de 177.000 euros na atención aos máis vulnerables durante o estado de alarma

Pontevedra
19 de maio 2020

Unha parte importante desta achega foi destinada á xestión dos albergues de Raíña da Paz e o Pavillón Multiúsos da Xunqueira, á compra de alimentos e artigos de primeira necesidade entre as familias carentes de recursos e á distribución de friameiras de comida a 112 nenos que se quedaron sen servizo de comedor escolar, entre outros

Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, ao Banco de Alimentos
Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, ao Banco de Alimentos / Concello de Pontevedra

A crise sanitaria derivada da COVID-19 leva aparellada outra problemática de tipo económico e social que afecta aos sectores máis desfavorecidos da sociedade. Para dar resposta a esta situación, a Concellería de Benestar Social de Pontevedra mobilizou todos os recursos ao seu alcance.

O departamento que dirixe Paloma Castro investiu unha partida de 177.580 euros en accións vencelladas á protección das persoas e familias con menos recursos. Este gasto social "vai continuar incrementándose de xeito substancial durante esta desescalada e nos vindeiros meses", avanza a edil socialista.

Unha parte importante desta achega foi destinada á xestión dos albergues de Raíña da Paz (Salcedo) e o Pavillón Multiúsos da Xunqueira, que chegaron a acoller a 28 e 15 persoas sen fogar, respectivamente, durante o período de confinamento. Uns 64.643 euros foron para a contratación da empresa encargada da seguridade; 10.661,25 para a oenegué Cruz Vermella, que acondicionou as instalacións coas padiolas e o material hixiénico-sanitario necesario e xestionou o seu funcionamento en coordinación co persoal municipal; e outros 632,93 para o servizo de lavandaría, que prestou a firma Indusal.

A compra e distribución de alimentos e artigos de primeira necesidade entre as familias carentes de recursos foi outra das prioridades para a Concellería de Benestar Social, que adquiriu produtos por valor de 18.570,78 euros a Supermercados Froiz, por 6.776 a Even Plot e por 8.470 a Erreyo. Tal e como explica a concelleira Paloma Castro, estes alimentos foron repartidos entre 169 unidades familiares de Pontevedra (un total de 564 persoas) a través do programa municipal Porta a Porta, desenvolvido en colaboración do Servizo de Deportes e o Banco de Alimentos.

Dende Servizos Sociais tamén se financiou con case 20.000 euros a distribución de friameiras de comida a 112 nenos que se quedaron sen servizo de comedor escolar. A iniciativa foi posible grazas á colaboración do restaurante O Roxo.

Outra das grandes liñas de investimento do departamento que dirixe Paloma Castro foron os 37.790 euros cos que o concello abonou o incremento de horas coas que se dotou ao Servizo de Axuda no Fogar para facer fronte ás novas necesidades dos usuarios durante a pandemia.

Por outra banda, a Concellería de Benestar Social tramitou recentemente unha modificación de crédito orientada a reforzar con outros 100.000 euros as Axudas de Emerxencia Social Municipal, para as que xa existía unha consignación inicial de 100.000 euros. Deste xeito, dóbrase a cantidade de diñeiro dispoñible para poder dar resposta tanto ás Axudas de Emerxencia como ás propias necesidades e situacións de vulnerabilidade derivadas da crise sanitaria da Covid-19.