Soutomaior xa respira Nadal. As festas estreáronse oficialmente na tarde noite deste sábado cunha festa de acendido de luces con música, espectáculo e chocolate.
A choiva que caeu durante toda a xornada deu un respiro no momento da cerimonia, que, ademais, o Concello optara por celebrar baixo a carpa de Nadal.
A luz chegou ás 18:30 horas, un momento especial no que tomou o protagonismo a asociación Bicos de Papel, integrada por familias que pasaron ou están pasando pola experiencia de ter unha filla ou fillo con cancro.
O alcalde, Manu Lourenzo, agradeceu a presenza de toda a veciñanza en Talo Río. "Ver hoxe esta praza chea de vida con todas e todos vós aquí e para o Goberno todo un recoñecemento da veciñanza, que pese a previsión estades aquí sumando, participando e formando parte deste día especial", destacou.
Manu Lourenzo sinalou tamén que "o Nadal ten o significado de vida, unha época na que nos atopamos, na que compartimos, un Nadal para Vivir en Soutomaior".
Para o rexedor, para compartir vida ninguén mellor que Bicos de Papel, "unha referencia e un exemplo do que é o amor pola vida, pola esperanza, e, sobre todo, as ganas de vivir e as ganas de compartir a vida con todas e todos nós".

Iker, un mozo desta asociación, lembrou emocionado que esta época é "moi bonita para compartir con toda a familia" e tamén lembrar os nenos e nenas que o están pasando por un mal momento nun hospital.
"É importante dar visibilidade ao cancro infantil para que vaia todo a mellor e apoiar a todas estas nenas e nenos para que poidan estar mellor, felices e que poidan pasar o seu tempo como unha persoa normal sen ter que estar pensando na enfermidade”, reclamou.
Baixo a carpa instalada na Alameda de Talo Río viviuse un ambiente festivo xa desde horas antes.
A partir das 16:30 horas, co mercado das ANPAS do IES Soutomaior, do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do CEIP de Ponte Sampaio. Os cartos recadados neste mercado será para axuda destas alumnas e alumnos para súa excursión de fin de curso.
Á mesma hora tamén comezou o exitoso obradoiro de adornos naturais para a árbore de Nadal a cargo da florería Papula.
A continuación, foi o momento do espectáculo de rúa 'Conto de Nadal'.

Despois do acendido do alumeado, a diversión continuou en Talo Río co espectáculo musical 'Orquestra de Camaronte Band'.
Como colofón, houbo chocolatada de balde para todos e todas.
A seguinte cita da programación festiva de Soutomaior será o vindeiro venres, 12 de decdembro, coa charla coloquio con Lidia Mariño 'As tradicións galegas de Nadal' ás 20:00 horas no Multiúsos, con entrada de balde ata completar a capacidade.
O sábado 13 chegará o I Encontro Inclusivo neste Nadal de Soutomaior e o domingo 14 o II Mercado de Oportunidades e de Segunda Man.
