A 'bibliopraia' de Poio esténdese este verán á praia de Xiorto

Poio
08 de xullo 2025
Actualizado: 19:43

O alcalde Ángel Moldes e a concelleira Natalia Sabarís achegáronse ata os areais para animar á cidadanía a aproveitar este servizo gratuíto que xa están dispoñibles nas dúas praias con bandeira azul

Presentación do servizo Bibliopraia na praia de Xiorto
Presentación do servizo Bibliopraia na praia de Xiorto / Concello de Poio

Por segundo ano consecutivo, Poio pon en marcha este verán o servizo Bibliopraia para renovar o seu compromiso co fomento da lectura.

Pero desta vez, ademais de ofrecerse na praia de Cabeceira, tamén estará dispoñible na de Xiorto, en Raxó. Ambas contan co distintivo de bandeira azul.

Os dous areais son, segundo o alcalde, Ángel Moldes, "espazos ideais" para gozar dunha boa lectura ao carón do mar.

Así, durante os meses de xullo e agosto, tanto veciños como visitantes poden acceder de forma gratuíta a unha selección de libros en galego e castelán, con títulos para todas as idades.

O servizo está dispoñible no horario de atención das casetas de socorrismo, todos os días entre as 12:00 e as 20:00 horas, onde se poden recoller e devolver os exemplares en préstamo.

"É unha iniciativa innovadora, que combina ocio e cultura, que pon en valor as nosas praias. Poder gozar dun libro ao pé da praia é unha grande experiencia", sinalou Moldes.

A experiencia do ano pasado na praia de Cabeceira foi "moi boa", e por iso desde o Concello de Poio apostouse por ampliar o servizo ás dúas praias municipais con bandeira azul.

Entre os títulos dispoñibles destacan gran variedade de obras infantís como Os Bolechas, O Monstro de Cores, Conta nove estrelas ou Os Futbolísimos, así como propostas de novelas para adultos como a triloxía de Stieg Larsson ou títulos de Dolores Redondo, José Saramago ou Noah Gordon.

Desde o Concello de Poio chaman ao uso responsable deste préstamo, lembrando a importancia de devolver os libros unha vez rematada a súa lectura para que máis persoas poidan seguir gozando deles.