Apenas un día despois de que se incorporaran os socorristas, as bandeiras azuis xa ondean nas praias de Xiorto, en Raxó, e Cabeceira, en Lourido.
Todos os servizos nestes areais xa están completamente operativos, destacou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que foi o encargado este mércores de izar estes dous distintivos.
"Consolidar estas dúas bandeiras azuis é importante para o noso concello, xa que son sinónimo de calidade e de excelencia", afirmou Moldes, que subliñou que detrás de cada bandeira "hai moito esforzo e planificación" para buscar a singularidade e calidade nos areais.
A praia de Xiorto, en Raxó, ondeará este verán a bandeira azul por segundo ano consecutivo, tras recuperala o ano pasado despois de sete anos sen este recoñecemento.
E se recuperala xa foi un reto, "mantela é aínda máis esixente", apuntou o alcalde.

Este recoñecemento súmase os distintivos aos catro sendeiros azuis de Poio, que xa están visibles nas rutas do Laño, dos Muíños de Samieira, no litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués, así como o distintivo como centro azul para a Casa Museo de Colón.
As bandeiras azuis recoñecen a calidade dos areais e outórganse ás praias que cumpren coa hixiene, a seguridade, a prestación de servizos e o coidado do medio ambiente.
Precisamente, nas últimas semanas o Concello de Poio intensificou a posta a punto de todos os areais, que incluíu a mellora nos accesos ás praias e a colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, así como a contratación de seis socorristas ata o 30 de setembro.
O alcalde avanzou que o Concello intenta mellorar "de xeito continuo" todos estes servizos e, a este respecto, recordou que esta mesma semana reservaron fondos para remodelar os baños públicos en Cabeceira, que serán unha realidade o próximo verán.