O goberno local do Concello de Poio presume de ter dado "un paso adiante" na loita contra os incendios forestais ao converterse "no primeiro municipio da provincia en ter en funcionamento este verán unha brigada municipal propia de prevención e defensa contra o lume".
Este servizo, que se desenvolve en colaboración coa Consellería do Medio Rural, ten como obxectivo reforzar e optimizar os recursos dispoñibles fronte aos incendios forestais.
A brigada está composta por cinco persoas. Entre as súas funcións inclúense labores de vixilancia, intervencións directas en caso de incendio e a realización de tratamentos preventivos tanto de xeito manual como mecanizado.
A maiores, tamén contratou a tres condutores de vehículo motobomba.
Con este dispositivo, o Concello de Poio é "un dos poucos da comarca que contará cunha cuadrilla operativa durante o verán".
Esta brigada vén a complementar os medios autonómicos despregados pola Xunta de Galicia, como o helicóptero, outras brigadas forestais e os recursos que estarán dispoñibles para facer fronte a posibles emerxencias.
CRITICAS DO PSOE
Pola contra, o grupo municipal Socialista de Poio alertou sobre a "grave situación de desprotección" que atravesa o municipio ante o risco de incendios forestais, "consecuencia directa da ineficacia xestora do alcalde Ángel Moldes".
Os socialistas advirten de que os bombeiros de Sanxenxo carecen dos equipos de protección individual homologados para incendios forestais o que "impide a súa actuación en casos de lume forestal".
A isto suman que o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ribadumia, responsable de atender Poio, "non dispón de plantilla suficiente para formar brigadas operativas, mentres persisten os problemas coa empresa adxudicataria da brigada de extinción contratada polo propio Concello de Poio".
O PSOE engade que Ángel Moldes "prometeu con insistencia a comarcalización dos bombeiros de Pontevedra", dixo o portavoz socialista Gregorio Agís "esta é a realidade da xestión de Moldes: grandes promesas que desaparecen cando chega a hora de actuar".