Biempica renuncia a parte dos cartos que lle corresponderían como concelleira non adscrita

Pontevedra
28 de abril 2014

María Biempica asegurou que as súas aspiracións nunca foron económicas polo que renuncia á contraprestación económica que lle correspondía. E engadiu o seu ⿿deseo e intención de seguir realizando mi labor que es trabajar por mi ciudad de manera constructiva⿝

María Biempica ocupa o seu posto como concelleira non adscrita xunto aos concelleiros do PP Mónica Patxot

Non houbo saúdos. Nin sequera se cruzaron miradas. Con absoluta frialdade os concelleiros do Partido Popular foron ocupando os seus asentos no Teatro Principal para a celebración do Pleno.

A primeira en ocupar o seu posto foi María Biempica. Séntase na primeira fila no espazo máis próximo ao público, relegando a César Abal á segunda fila.

Biempica escribía concentrada no papel mentres os fotógrafos inmortalizaban o momento.

O pleno arrancou cunha cuestión de trámite, a elección dos cidadáns que conformarán as mesas electorais para os comicios do próximo 25 de maio.

A continuación procedeuse á "toma de coñecemento do abandono de dona María Biempica Ortiz do grupo municipal do Partido Popular e do pase á consideración de concelleira non adscrita. Algún problema? ", preguntou o alcalde. Silencio.

O secretario do Pleno explicou o novo status, cos dereitos e obrigas, da concelleira non adscrita subliñando que "non cobrará máis cartos dos que xa viña percibindo". Máis silencio.

Toma a palabra María Biempica, pasa asegurar que as súas aspiracións nunca foron económicas polo que renuncia á contraprestación económica que lle correspondería como grupo polo que únicamente cobrará as asistencias a pleno e comisións.

E engadiu o seu "deseo e intención de seguir realizando mi labor que es trabajar por mi ciudad de manera construtiva". Destacou tamén a súa "tristeza por no poder ayudar en la campaña al candidato pontevedrés del Partido Popular, Francisco Millán Món" e para rematar trasladou a súa felicitación aos participantes na "Pontevedrada 2014" por ser exemplo de "solidariedade e entusiasmo".

As palabras de Biempica tiveron eco dende o goberno local. Raimundo González (BNG) quixo achegar unha reflexión, "evidentemente, parece obvio decilo, o grupo político pasa por serios problemas" asegurando que "para nos non e bo que sucedan estas cousas, os grupos políticos teñen que defender a súa posición máis que andar con liortas internas. Pero xa que o voceiro popular di que 'saen reforzados' pois aquí todos contentos", concluíu.

Pola súa banda, Antón Louro, polo grupo socialista, expresou "o noso respecto a María Biempica pola súa decisión" e afirmou que "inicia unha etapa diferente, espero que sexa útil para todos".

Non houbo intervencións por parte do grupo do PP.