BNG e Sergas discrepan sobre a calidade do servizo de Atención Primaria en Poio

Poio
18 de maio 2020

Os nacionalistas, que gobernan no  Concello, denuncian que o Sergas traslada aos pacientes a centros de saúde afastados dos seus municipios, mentres que desde a Xunta acusan os nacionalistas de opoñerse á construción dun novo centro de saúde

Centro de Saúde de Anafáns, Poio
Centro de Saúde de Anafáns, Poio

O BNG de Poio emitiu este luns un comunicado no que mostraba o seu malestar co funcionamento do Servizo de Atención Primaria no municipio, agravado recentemente pola notificación a algúns pacientes do traslado a outro centro sanitario sen ter en conta factores como a idade. a distancia aos seus domicilios ou a súa pertenza a grupos de risco.

Denuncian os nacionalistas que son moitos os afectados, que tendo o médico á beira das súas casas, deben agora desprazarse uns quilómetros ao seu novo centro sanitario. "Consideramos que é intolerábel", sosteñen no seu comunicado.

Por iso esixen á Xunta que rectifique e fortaleza os servizos de Atención Primaria en Poio para que os veciños poidan recibir un servizo de calidade en lugar máis próximo posible ao seu lugar de residencia.

A resposta do Sergas non se fixo esperar. Desde a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés lembran que acaban de reforzar cun médico e un enfermeiro o servizo no municipio de Poio, reducindo as cotas de Atención Primaria a 1.342, cando antes superaban os 1.500 pacientes de media por facultativo.

Acusan tamén o goberno local de poñer trabas á construción dun novo centro de saúde, pois o goberno local rexeitou a posibilidade de construír un novo centro de saúde para todo o municipio. Por iso retomaron a iniciativa de ampliar o de Anafáns, en San Salvador, proxecto que permanece paralizado á espera de que o Goberno Local resolva os seus problemas urbanísticos.