O BNG denuncia a negativa do Ministerio de Defensa a desafectar parte dos terreos do Porto de Marín e da Escola Naval.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal en Marín, Lucía Santos, esixen a "cesión inmediata" destes espazos para conectar a vila co seu litoral, ampliar os espazos públicos dispoñíbeis e garantir o uso civil de infraestruturas actualmente non utilizadas para outros fins.
Rego criticou a "falta de compromiso" do Estado coa vila e instou aos ministerios de Defensa e Transportes a "mudar a súa disposición" e facilitar a cesión de terreos en beneficio da cidadanía.
"Abrir o litoral a Marín é unha prioridade para o BNG e a dotación de novos espazos públicos para a veciñanza un dos nosos obxectivos", afirma Rego.
Así mesmo, engade que terreos como os antigos almacéns do peirao da Ribeira, os da Avenida de Ourense ou os do Paseo Marítimo Alcalde Blanco "están abandonados ou sen uso" e que a súa recuperación implicaría un efecto social e económico "moi positivo".
A resposta dos distintos ministerios non convence á organización nacionalista. Así por exemplo, alegar a existencia de redes de subministro e infraestruturas vinculadas á explotación portuaria para o BNG é unha "escusa" para non "iniciar un expediente de desafectación" e non lles parece "razón suficiente".
Para o BNG, ademais, o "evidente estado de abandono" de moitos dos terreos e edificacións "avalan, máis se cabe, o proxecto de darlle un novo uso público".
Lucía Santos lamenta a negativa á proposta de cesión destes espazos, dos que tanto a Escola Naval Militar como a Autoridade Portuaria "levan décadas facendo uso sen custe algún".
"Este pasado martes, o concello de A Coruña iniciaba o proceso de licitación para a recuperación da fachada do litoral con espazos cedidos polo porto, por que Marín non?", require a portavoz municipal do BNG en Marín.
O BNG mantén a esperanza de que o Goberno do Estado rectifique e que cando esta iniciativa sexa levada a debate en comisión acepte unha negociación para a cesión de espazos para o pobo de Marín. É de xustiza", evidencia Santos.