O BNG alertou este xoves do deterioro continuado da sanidade pública na área de Pontevedra e chamou á cidadanía a participar na manifestación convocada para o domingo 1 de febreiro en Compostela en defensa dun sistema sanitario público "de calidade e con medios suficientes".
O deputado nacionalista por Pontevedra, Luís Bará, mantivo un encontro con profesionais sanitarios e persoas usuarias para analizar a situación nos centros de saúde, PACs e hospitais da comarca.
Na xuntanza, segundo explicou, constatouse unha realidade marcada pola falta de persoal, a sobrecarga da Atención Primaria e o colapso das urxencias, unha situación que se viu agravada nas últimas semanas pola gripe e outras enfermidades respiratorias.
Bará sinalou que a carencia de efectivos nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada está a provocar un efecto dominó que acaba saturando as urxencias hospitalarias.
Ao seu xuízo, trátase dun problema estrutural que se repite ano tras ano como consecuencia dos recortes e das "políticas de privatización impulsadas polo PP desde a Xunta".
O deputado tamén puxo o foco en áreas especialmente sensibles como pediatría e saúde mental, onde a escaseza de profesionais está a empurrar a moitas persoas a recorrer á sanidade privada.
Desde o BNG denuncian o que consideran unha "estratexia deliberada de deterioro do público para favorecer o negocio privado".
Como exemplo, Bará citou datos que amosan un incremento notable do uso da sanidade privada nos últimos seis anos: as consultas de Atención Primaria pasaron do 9 ao 26 %, as consultas hospitalarias especializadas do 20 ao 36 % e as urxencias do 11 ao 21 %. A isto súmase, segundo indicou, un aumento do 166 % na contratación de seguros sanitarios privados no mesmo período.
Durante a reunión tamén se analizou a situación das infraestruturas sanitarias da área. No caso do Novo Montecelo, denunciouse un atraso acumulado de case dous anos nas obras e un incremento de máis do dobre no custo inicialmente previsto. En canto ao Hospital Provincial, o BNG advertiu das numerosas deficiencias do edificio, que dificultan a prestación dunha atención sanitaria en condicións axeitadas.
Ante este panorama, o Bloque considera imprescindible unha resposta social contundente e anima á participación na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo en Santiago de Compostela.
A mobilización ten como obxectivo esixir ao goberno de Alfonso Rueda a posta en marcha de medidas estruturais que permitan reverter a situación actual e garantir unha sanidade pública forte, accesible e de calidade para toda a poboación.