O grupo municipal do BNG de Sanxenxo levará ao vindeiro pleno ordinario unha moción na que reclama a creación de dous novos espazos públicos de lecer na parroquia de Noalla, aproveitando os terreos que quedaron libres tras a demolición das antigas escolas do Tombo e do Casal, unha actuación realizada polo Concello hai máis de cinco anos.
A formación nacionalista considera que ambas parcelas, que permanecen sen uso desde entón, poden converterse en áreas de convivencia para a veciñanza.
A proposta contempla a construción de parques con zonas de xogos infantís, espazos de descanso orientados ás persoas maiores, arborado para crear sombra e mobiliario accesible e inclusivo.
Segundo explica o portavoz municipal do BNG, Octavio González, a iniciativa busca reforzar a dotación de equipamentos no rural e responder á falta de espazos de encontro, especialmente na contorna da Revolta, onde asegura que non existen áreas de lecer de referencia.
Na súa opinión, a posta en valor destes terreos contribuiría a mellorar a calidade de vida da veciñanza e favorecer a convivencia entre distintas xeracións.
A moción tamén incorpora criterios de accesibilidade universal, coa eliminación de barreiras arquitectónicas, e medidas de sustentabilidade, como o uso de materiais ecolóxicos, sistemas de aproveitamento das augas pluviais e iluminación eficiente.
Ademais da execución da actuación, o BNG solicita que o Concello reserve unha partida específica nos orzamentos municipais de 2027 para financiar o proxecto. Tamén propón que, no prazo de tres meses desde unha eventual aprobación da moción, os servizos técnicos municipais elaboren a documentación necesaria para iniciar a súa licitación.
Os nacionalistas apostan igualmente por explorar outras vías de financiamento a través doutras administracións, como a Deputación de Pontevedra ou a Xunta de Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.