O BNG acusa ao goberno de Poio de promover un "pelotazo urbanístico" en Punta Sinás

Poio
24 de xullo 2026

O BNG pide retirar a modificación do PXOM en Punta Sinás por supostas irregularidades legais e ambientais

Punta Sinás Ministerio para la Transición Ecológica

O grupo municipal do BNG de Poio presentou alegacións contra a modificación puntual número 15 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que afecta ao ámbito de Punta Sinás, en Raxó, e solicita a anulación do expediente por considerar que incumpre a normativa urbanística e ambiental e carece de interese público.

A portavoz nacionalista, Marga Caldas, cualificou a iniciativa impulsada polo goberno local do alcalde Ángel Moldes, como un "pelotazo urbanístico" e sostén que a proposta pretende facilitar a construción de vivendas privadas mediante a eliminación da protección dun espazo de elevado valor paisaxístico.

Segundo explicou o BNG, as alegacións xa foron rexistradas no Concello e fundamentan a petición de retirada da modificación en diferentes aspectos xurídicos e administrativos. Entre eles, a formación destaca que o expediente non xustifica o interese público que, ao seu xuízo, esixe a lexislación para alterar o planeamento urbanístico.

Os nacionalistas lembran ademais que existe un informe da Secretaría municipal, emitido en maio de 2025, que cuestiona a viabilidade da descatalogación da zona, así como unha resolución xudicial previa que, segundo indican, impediría eliminar a protección urbanística do ámbito. Ambos documentos, aseguran, non foron tidos en conta polo executivo local.

O BNG tamén pon o foco nas supostas deficiencias do expediente sometido a información pública e afirma que faltan documentos recollidos no propio índice, que non figuran os informes técnicos e xurídicos previos á aprobación inicial e que existen anomalías na cronoloxía das sinaturas electrónicas incorporadas á documentación.

Outro dos aspectos cuestionados pola formación nacionalista é a tramitación ambiental xa que as alegacións sosteñen que o expediente non incorpora o Estudo Ambiental Estratéxico que, segundo o acordo plenario, debería formar parte da modificación urbanística.

No seu lugar, denuncian que se achega unha avaliación que consideran insuficiente e que tampouco consta o informe previo da Administración autonómica sobre a necesidade da avaliación ambiental.

No referente aos argumentos empregados polo Concello para promover a descatalogación, o Bloque rexeita que a protección de Punta Sinás sexa consecuencia dun erro do PXOM. Pola contra, sostén que responde aos valores paisaxísticos do enclave e á súa situación sobre a ría, circunstancias que considera plenamente vixentes.

A formación tamén critica que a modificación faga referencia á futura creación dunha praza pública e dunha senda litoral sen incorporar, segundo asegura, planos, proxectos nin documentación técnica que permita avaliar esas actuacións. Na súa opinión, esas intervencións poderían executarse sen necesidade de eliminar a protección ambiental da zona.

Marga Caldas sostén que a iniciativa municipal supón poñer en risco "unha das últimas franxas costeiras sen urbanizar de Raxó" e avanza que o BNG continuará reclamando a retirada definitiva da modificación puntual por entender que resulta contraria ao interese xeral.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora