Fariña de millo e auga de cocido, con estes ingredientes elaborábase tradicionalmente a receita do Bolo do Pote nos tempos de escaseza de numerosas vivendas en Galicia.
A Asociación Pousos da Area volvía lembrar durante o mediodía deste domingo a fórmula para crear este alimento coa celebración da décimo novena edición da Festa do Bolo do Pote.
O acto desenvolvíase na Alameda Rosalía de Castro con animación musical.
Todas aquelas persoas que se achegaron tiveron a oportunidade de degustar este alimento de maneira gratuíta.
Esta festa celébrase como peche do Entroido local recuperando a idea deste prato cocido en auga de caldo, acompañado de chourizo e orella de porco.
A actividade contou coa colaboración do Concello de Marín.