Bota a andar a pioneira Ruta de Tapas de Galicia, con 17 paradas en Pontevedra

Pontevedra
22 de abril 2022

A  I Ruta de Tapas de Galicia é un percorrido por medio centenar de restaurantes e bares das catro provincias. Yoya Blanco lembrou que "xamais se tiña deseñado unha Ruta de Tapas tan extensa e ambiciosa, que nos permite viaxar por toda a comunidade degustando estas delicatessen"

Yoya Blanco, no inicio da I Ruta de Tapas de Galicia
Yoya Blanco, no inicio da I Ruta de Tapas de Galicia

Xa botou a andar a I Ruta de Tapas de Galicia. A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, inaugurou a iniciativa este venres cunha degustación das propostas de dous establecementos da cidade que participarán no I Campionato de Tapas de Galicia, a Adega dos Avós e a Creperie Cre-Cottê.

Ese campionato será o colofón da ruta que botou a andar este venres. Ata o 1 de maio poderán degustarse as tapas e entre os días 2 e 3 de maio terá lugar o campionato na Finca Batacos. 

Yoya Blanco amosouse entusiasmada co "pistoletazo de saída deste pioneiro itinerario" gastronómico e lembrou que "xamais se tiña deseñado unha Ruta de Tapas tan extensa e ambiciosa, que nos permite viaxar por toda a comunidade degustando estas delicatessen da gastronomía en miniatura".

O campionato está organizado polo Concello de Pontevedra -dentro de Pontevedra, Capital Gastro- e a Academia da Tapa e do Pintxo de España e inclúe a organización do I Concurso de Fotografía de Tapas de Galicia, con premios de 300, 200 e 100 euros para os autores das tres mellores instantáneas. 

A  I Ruta de Tapas de Galicia é un percorrido por medio centenar de restaurantes e bares das catro provincias que ofrecen as propostas máis variadas, desde novas creacións a petiscos consagrados e auténticos emblemas dos locais participantes. 

Na lista de bares e restaurantes inscritos, constan 17 da nosa cidade: ademais da Adega dos Avós e a Creperie Cre-Cottê, Raxería Lola, El Cafetín, Merluzateca, Causa Street Food, Meigas Fóra, Mar de Fóra, La Culpa de la Gula, Restaurante Alcrique, Restaurante Bocarte, Loaira Xantar, A Fervella, Arepa’s Gastro Bar, Delicious Food e Gumer.

Todos os locais estarán identificados con cartelería específica e o certame contará cunha ampla promoción en redes sociais a través das contas de Facebook e Instagram @pontevedracapitalgastro e @academiadelatapaydelpintxo.

Os organizadores repartiron entre os participantes 100 manteis dun único uso, un cartel para apuntar o nome do petisco no espazo en branco e un cartel do Campionato en formato A3 para cada un dos establecementos.

Esta Ruta de Tapas conta co respaldo de Estrella Galicia, Auga Cabreiroá, Makro, o CRDO Ribeiro e Carrefour, así como coa colaboración de Bodegas Lodeiros, LavAzza, Tartuflanghe e Maquichef