Este luns tivo lugar un acto conmemorativo do 27º aniversario da Unidade de Servizos da Base (USBA) General Morillo, que coincide este ano co 250 aniversario do nacemento do xeneral que dá nome á base onde están situadas gran parte das unidades que pertencen á Brigada Galicia VII (BRILAT) e outras unidades do Exército de Terra.
A USBA General Morillo ten como misión principal garantir a seguridade e o mantemento das instalacións, así como ofrecer servizos de transporte, xestión de material de acuartelamento e asistencia ao persoal destinado.
No marco desta celebración a BRILAT vai organizar unha serie de actividades co obxectivo de render unha homenaxe a este destacado militar que tivo unha participación decisiva na reconquista de Vigo e na batalla de Ponte Sampaio, obrigou ao exército francés a retirarse de Galicia na Guerra da Independencia española no ano 1809
As actividades comezarán o día 28 de abril cunha conferencia no salón de actos do Liceo Casino de Pontevedra, a partir das 19.00 horas, titulada 'O xeneral Morillo e os escudos de distinción', impartida polo escritor e historiador Jesús Dolado Esteban, actualmente vicepresidente da Asociación Retógenes, que ten como obxectivos a recuperación, conservación e difusión do patrimonio histórico militar.
O día 30 de abril, haberá un concerto no auditorio Sede Afundación de Pontevedra a cargo da Unidade de Música da Escola Naval Militar e a Banda de Guerra da Brilat que interpretarán unha selección de pezas clásicas e contemporáneas que evocan a época na que viviu Morillo. Este concerto dará comezo ás 20.00 horas e será de entrada libre ata completar cabida.
Durante o acto deste luns, o subdelegado do Goberno, Abel Losada destacou o orgullo que supón para Pontevedra contar cunha base militar que acolle a unha unidade da importancia da Brilat, "un auténtico motor económico para a cidade e un activo fundamental para a nosa seguridade, como se está a demostrar co contexto internacional actual".
Losada puxo en valor o traballo dos "magníficos profesionais" que integran esta unidade de elite do Exército, "desde a tropa ata os mandos, culminando na figura do xeneral".
Abel Losada tamén aproveitou para convidar a toda a cidadanía a asistir á parada militar que terá lugar o vindeiro sábado, 10 de maio, ás 12.00 horas na Praza de España, diante da estatua en homenaxe aos heroes de Ponte Sampaio, como parte das celebracións deste aniversario tan simbólico.
