Briquetas para alimentar o forno, a solución de Panadería Acuña fronte á imparable suba do gas

Pontevedra
06 de novembro 2022

Unha factura de 4.200 euros fixo que Andrés Acuña buscase unha solución de emerxencia para reducir custos no obradoiro situado en Paseo de Colón. Nunha empresa local, Maderas Xeve, atopou a resposta en forma de briquetas, un combustible en forma de ladrillo elaborado con desfeitos de madeira

José López Abilleira, mestre panadeiro do obradoiro de Acuña en Paseo de Colón
José López Abilleira, mestre panadeiro do obradoiro de Acuña en Paseo de Colón / Mónica Patxot

"Estabamos a pagar ao redor de 1.000, 1.300, 1.500 ao mes e hai unhas tres semanas chéganos unha factura de 4.400 euros", relata Andrés Acuña coa sorpresa de quen non dá crédito a esta situación, aínda que xa afeito a lidar cos prezos cambiantes non só da enerxía, senón das materias primas coas que produce o pan e os produtos de pastelería que fornecen a rede de Panadería Acuña.

Nun principio o empresario pontevedrés pensaba que se trataba dunha equivocación. "Miramos o consumo dos kilovatios de gas e non se ve ningún tipo de erro, o que se ve facilmente é que o prezo do kilovatio multiplicouse por catro, de 6 céntimos pasou a pagarse a 23, e por iso cuadriplícase a factura".

O seguinte paso foi buscar outras compañías que puidesen ofrecerlles un prezo máis axustado, pero ao tratarse dunha tarifa de empresa, o cambio de subministradora non compensaba. Nese momento, Andrés lembrou que un amigo de Ourense faláralle dun tipo de madeira elaborada con serraduras e que resultaba moito máis barata e sostible que a leña tradicional.

Acuña atou cabos, pensou no seu obradoiro de Paseo do Colón e o esquecido forno de leña, fixo contas, localizou unha fábrica a pouca distancia, no lugar de Gatomorto-Xeve, e deste xeito empezou unha alianza entre Panadería Acuña e Maderas Xeve.

Briqueta é o nome deste combustible en forma de ladrillo (brick en inglés) e que se fabrica a partir de restos tales como serradura, labras ou achas de diferentes madeiras e que se presenta como un substitutivo da leña, máis económico e máis limpo.

"Levamos dez días probándoas e o resultado é espectacular. Esta briqueta ten máis do dobre do rendemento que un tronco de leña, e pódoche dicir que pasamos de pagar entre 120 e 150 euros diarios e con estas briquetas con 17 ou 20 euros facemos o día. É aforro pero tamén somos sostibles, non tiramos de combustibles fósiles, é un produto de proximidade, dunha empresa local e cento por cento natural", resume Andrés Acuña.

No obradoiro de Paseo de Colón, 9, elabóranse entre 400 e 500 pezas de pan ao día. O mestre panadeiro José López Abilleira explica que o cambio dun combustible a outro non alterou a rutina de traballo, salvo que "antes só había que acender un botón e agora hai que introducir as briquetas no forno", tarefa que resolve rapidamente.

Ás 5 da mañá arrinca a primeira fornada, para a que se necesitan once briquetas. Cada dúas horas e media repítese o proceso, ata a última fornada das 12:30. Nos seus 24 anos como mestre panadeiro neste obradoiro de Acuña, José lembra que primeiro usaban gasoil, despois o gas e agora briquetas.

Variaría o sabor do pan con este novo proceso de enfornado? A resposta é un rotundo non, cun matiz. "Notamos que trisca máis a cortiza", afirma Andrés Acuña. Este forno dá servizo diario á tenda anexa ao obradoiro e tamén a un dos locais máis recentes, a tenda-cafetería da rúa Benito Corbal. "Tamén deste obradoiro saen os pans especiais que podes atopar en todas as tendas, como o pan de chía, o de sarraceno..."

Andrés Acuña estima que o aforro na factura vai ser considerable, xa que "se antes da subida pagabamos sobre 1.300 euros, agora con 800 ou 1.000 euros imos facer o mes". Ademais, este aforro supón un motivo máis de tranquilidade para este empresario. "Nun cálculo rápido, teríase que encarecer 20 céntimos o prezo ao público da barra de pan máis sinxela, só para repercutir o gasto enerxético", un incremento que agora van poder evitar.

ENCARECEMENTO DE MATERIAS PRIMAS

"O prezo da fariña encareceuse entre un 80 e un 100% nun ano, o pan tivemos que subilo algo, pero sempre tentando conter o prezo, aínda perdendo nós". Con este panorama, e cos prezos doutras materias primas á alza, para Panadería Acuña o seguimento dos mercados é constante.

"O problema agora é que está a subir todo. Chamáronme hai un mes dicindo que hai un problema a nivel nacional co aceite de oliva pola seca, creo que se recolleu un 30% menos de oliva, así que se espera que de aquí a un ano o prezo do aceite de oliva vai encarecerse bastante. O xirasol tamén subiu moitísimo, despois baixou un pouco e agora volve subir".

A isto súmanse outras materias primas que se seguen encarecendo, como as manteigas, as margarinas, o leite ou os cereais.

"O azucre descontrolouse hai quince días, pasou de 80 céntimos o quilo a 1,50. Consumimos uns 800 quilos de azucre á semana, así que calquera variación aféctanos", matiza Andrés Acuña.

En canto aos hábitos de consumo, a sensación nas tendas é que, aínda que as vendas de pan vanse mantendo, a pastelería reséntese, coas compras concentradas na fin de semana. Preguntámoslle polas expectativas da campaña de Nadal e de novo aflora a incerteza. "Decembro é un mes para todos os sectores bastante forte pero hai que ir con precaución".

Finalmente, confesa o último susto que recibiu o sector panadeiro hai apenas unha semana, co anuncio dun bloqueo da saída de cereal de Ucraína e a consecuente reacción en cadea das bolsas de Chicago e París, onde se deciden as cotizacións do cereal para o mercado estadounidense e europeo, respectivamente, e que afecta tamén aos prezos de Panadería Acuña. "Por fortuna desbloqueouse, pero a ver", exclama con resignación.