Bueu adhírese á plataforma Stop Vespa Velutina Galicia

Bueu
07 de novembro 2017

A adhesión supón ademais o apoio a un documento de mínimos asinado por varios colectivos e concellos que esixirá a asunción de competencias por parte da Consellería e máis do Ministerio para impulsar a investigación, fomentar a loita preventiva, solicitar a creación dun organismo único e implementar a labor de divulgación social

Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura (AGA)
Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura (AGA) / Mónica Patxot

O Concello de Bueu vén de sumarse á plataforma Stop Vespa Velutina Galicia cunha proposta da concellaría de medio ambiente que se aprobou na Xunta de Goberno deste luns, e que busca fomentar a loita contra esta especie invasora, que xa é un problema ambiental e social e que afecta á gran maioría de municipios galegos.

A adhesión supón ademais o apoio a un documento de mínimos asinado por varios colectivos e concellos que esixirá a asunción de competencias por parte da Consellería de Medio Ambiente e máis do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para impulsar a investigación, fomentar a loita preventiva, solicitar a creación dun organismo único e implementar a labor de divulgación social.

Así, unha das liñas esenciais de investigación pasaría pola realización dun estudio encamiñado a determinar unha feromona ou fungo, inocuo para o medio ambiente, que fose capaz de provocar a morte das colonias de vespa velutina sen ocasionar danos nos ecosistemas, apostando así pola loita biolóxica.

Como se especifica na proposta, outro dos piares é o fomento da prevención. Na primavera as raíñas de tártago de patas amarelas (velutina) espertan do seu letargo invernal, actívanse e comezan a construción dos niños primarios e a posta de ovos para a creación dunha nova colonia. Potenciando a captura de raíñas na primavera evitamos o nacemento de entre 15.000 e 18.000 exemplares futuras de velutina.

Así mesmo, a divulgación da información é de vital importancia para que sociedade sexa consciente do problema que representan estas especies exóticas invasoras, tamén para lembrar o importantísimo papel que xogan as abellas no medio, e de igual xeito faise necesaria a educación na distinción da especie vespa velutina doutro tipo de véspidos ibéricos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en