A corporación municipal de Bueu celebrou este mércores, 29 de outubro, un pleno extraordinario no que se aprobou inicialmente o orzamento xeral do Concello para 2025, así como o cadro e o anexo de persoal. As contas saíron adiante cos votos favorables de BNG e PSOE, mentres que o PP e o edil non adscrito votaron en contra.
O documento, que ascende a 11,6 millóns de euros en gastos e ingresos, publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e abrirase un prazo de quince días para alegacións antes da súa aprobación definitiva.
O concelleiro de Facenda, Xosé Leal, definiu o documento como "un orzamento de transición para cubrir 2025 e preparar o de 2026", destacando que se trata do máis elevado da historia municipal e que incorpora achegas da Xunta, da Deputación e un crédito para financiar obras como a reforma do Pavillón Municipal de Beluso.
Entre os principais investimentos figuran proxectos en marcha como o saneamento en Bon de Abaixo, o vial da Torre, as melloras en O Enleito e Murráns e o aparcadoiro do Pavillón Pablo Herbello, ademais de futuras actuacións como o Parque Urbano Lugrís ou o abastecemento en Cela.
Na vertente social, o orzamento reforza partidas para o Servizo de Axuda no Fogar, o Plan Madruga, os comedores escolares e o Servizo de Atención Temperá, mentres que o gasto de persoal supera o 35% ao incluír as melloras da nova RPT.
En ingresos, o Concello prevé un incremento no ICIO e nas taxas e prezos públicos (23,9%), impulsado pola concesión de nichos e o uso de espazos públicos. O goberno local sinala que estas cifras reflicten a boa evolución económica do municipio.
Desde a oposición, Daniel Durán criticou o atraso na tramitación dos orzamentos e Elena Estévez (PP) reprochou que "se chegue con políticas de feitos consumados". Pola súa banda, o alcalde Félix Juncal pechou o debate asegurando que "estes orzamentos son un reflexo da situación financeira do Concello".
O pleno tamén aprobou por unanimidade unha modificación de crédito para o convenio coa Deputación nas obras da estrada EP-1306 entre Ermelo e A Portela, e deu luz verde á conta xeral de 2024 e á plantilla de persoal municipal.