Bueu celebra Samaín cunha xornada terrorífica chea de obradoiros, maxia e animación para todas as idades

Bueu
25 de outubro 2025

A actividade desenvolverase o 31 de outubro no Parque Ramal dos Galos

Presentación da programación do Samaín en Bueu
Presentación da programación do Samaín en Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu celebrará o próximo 31 de outubro o seu tradicional Samaín cunha completa xornada de actividades no Parque Ramal dos Galos.

A programación incluirá obradoiros, espectáculos e animación para todas as idades, nunha tarde pensada para gozar do medo e a diversión en familia.

O evento foi presentado este venres no propio parque pola concelleira de Cultura, Infancia e Mocidade, Carmen García, acompañada por representantes de colectivos colaboradores como a Asociación Amodiño, Costumes de Cela e a Libraría Abrente. García destacou "o éxito do pasado ano e a crecente demanda desta cita", convidando a toda a cidadanía a participar nesta xornada.

As actividades comezarán ás 16:30 horas co taller infantil 'Lanzador pantasmal', seguido do espectáculo 'En Samaín toca... Maxia!' de Maxia na Manga, ás 18.30 horas, dentro do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. Ás 19.30 horas, pechará a xornada a animación do 'Morcego bueués voador'.

Ademais, a tarde incluirá unha ruta de comercios cun xogo tipo trivial sobre Samaín, o magosto e o outono, con sorteos entre os participantes.

O parque contará con decoración temática e un espectacular túnel do terror deseñado pola Asociación Amodiño baixo o título 'Circo das Emocións', unha experiencia inmersiva con luz, son e interpretación.

En caso de choiva, todas as actividades trasladaranse ao interior da Biblioteca Municipal.

A programación complétase con iniciativas paralelas, como o contacontos da Libraría Abrente no Estaleiro de Purro e o magosto organizado pola Asociación Costumes de Cela o 2 de novembro, que incluirá castañas, animación, xogos tradicionais e talleres para toda a familia.