Bueu busca financiamento para renovar a rede de abastecemento das avenidas de Marín e A Barca

Bueu
11 de febreiro 2018

O proxecto está orzamentado en case 45.000 euros e, para financialo, solicitará unha subvención da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2018

Proxecto de mellora do abastecemento nas avenidas de A Barca e Marín, en Bueu Concello de Bueu

O Concello de Bueu acometerá a renovación do tramo da rede de abastecemento entre a Avenida da Barca e a de Marín cun doble obxectivo: renovar as tubaxes que se atopan en mal estado e que causan continuas avarías e molestias á cidadanía e levar a cabo un incremento da presión en certas zonas. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o proxecto está orzamentado en case 45.000 euros e, para financialo, solicitará unha subvención da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2018. 

O Concello confía en que logrará a subvención tendo en conta que a Xunta de Galicia está priorizando as actuacións relacionadas co abastecemento de auga, como ocorre neste proxecto. 

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, indica que a actuación poderá chegar a cotas máis altas, ampliar as redes actuais e darlle máis cobertura aos usuarios das zonas próximas, como Loureiro, Agrelo, ou diversos lugares de Cela, como Castiñáns, Resille ou Sabarigo.