Bueu renova a sinalización dos recursos turísticos do municipio

Bueu
05 de decembro 2018

Os novos paneis de sinalización nas praias de Bandeira Azul, concretamente en Lagos, Area de Bon, Portomaior e Lapamán, así como no areal urbano da Banda do Río, estrearon a actuación que puxo en marcha o Concello de Bueu para renovar os indicativos dos puntos turísticos

Novos paneis turísticos en Bueu

Os novos paneis de sinalización nas praias de Bandeira Azul, concretamente en Lagos, Area de Bon, Portomaior e Lapamán, así como no areal urbano da Banda do Río, estrearon a actuación que puxo en marcha o Concello de Bueu para renovar os indicativos dos puntos turísticos.

A este respecto, tamén se levou a cabo un traballo de interpretación na contorna urbana, onde xa existían en moitos espazos un tipo de mesa interpretativa en bastidor de ferro galvanizado, con chapa de aluminio e vinilo de tintas resistentes.

Os novos espazos interpretados son a cheminea Massó, a propia Praza Massó, o xacemento romano de Pescadoira ou a escultura deseñada polo artista José Solla. Neste último caso tamén se instalou iluminación con focos de chan para resaltar así o seu carácter senlleiro.

A actuación realizouse no marco das subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, polo que se asinou un convenio entre o Concello e a Axencia de Turismo de Galicia. O orzamento total ascendeu a 18.142,74 euros, sendo o 65% correspondente á achega do organismo autonómico e o restante ao Concello. 

LOUREIRO BUSCA A SÚA BANDEIRA AZUL

O Concello avanzou tamén que, xunto coas praias que xa teñen bandeira azul, o próximo ano solicitarase este distintivo para a praia de Loureiro, un areal urbano que mellorou moito a súa calidade nos últimos anos. Ademais, concorrerán o sendeiro do litoral, o Centro de Interpretación de Agrelo e a Aula da Natureza de Cabo Udra.