Bueu renovará a sinalización viaria da vila e o parque infantil da Praza do Concello

Bueu
08 de xuño 2017

O Concello de Bueu anunciou este xoves a licitación de dúas actuacións que se realizarán nos próximos meses: a sinalización viaria horizontal para o casco urbano e a reforma do parque infantil situado na Praza do Concello

Obras no parque infantil da Praza do Concello Concello de Bueu

O Concello de Bueu anunciou este xoves a licitación de dúas actuacións que se realizarán nos próximos meses: a sinalización viaria horizontal para o casco urbano e a reforma do parque infantil situado na Praza do Concello.

A primeira delas financiarase con fondos propios e inclúe o repintado dalgunhas rúas que se atopan en mal estado.

O orzamento total é de 24.188,84 euros, IVE incluído, e inclúe o repintado das rúas Matilde Bares, Alfonso Castelao, Canibelos, Ramón Bares, Santán, Johán Carballeira, Xosé María Estévez, José López Cortizo, Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Francisco Escáneo e o aparcadoiro das Lagoas. 

As empresas interesadas en participar no proceso de licitación dispoñen de oito días naturais de prazo para a presentación das ofertas.

No caso do parque infantil é unha obra con cargo ao Plan Concellos da Deputación e nela se inclúen a mellora de varios destes equipamentos, cun importe de 237.846,77 euros.

Os parques infantís da Praza do Concello, o dos Xardíns de María Eugenia e o do Outeiro vanse renovar integramente, instalando neles xogos novos. Así mesmo, crearanse novos parques na Casa da Aldea de Meiro, na antiga escola unitaria de Cabalo e na de Sanamedio. 

O proxecto contempla tamén a creación de parques biosaudables en Ramal dos Galos, no Paseo de Pescadoira e no Paseo de Agrelo - Portomaior. Ademais, o skate park de As Lagoas será completado con novos módulos, tal e como acordara o alcalde cun grupo de rapaces e rapazas usuarios nunha reunión recente. 

Con todo, desde a concellaría de obras e servizos están levando a cabo as reparacións urxentes, como acontece no caso do parque infantil da Praza do Concello, onde se substituíu unha das randeeiras para bebés que estaba deteriorada, e xa se están arranxando as dúas torres de madeira deste mesmo espazo, que quedarán listas este venres.