Bueu suspende o Entroido e organizará unha exposición virtual para "manter o seu espírito"

Bueu
19 de xaneiro 2021

Así llo comunicou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, ao Comité de Entroido, no que están representadas as comparsas da vila, as ANPAS e outros axentes colaboradores con esta festa. Non haberá, polo tanto, nin desfile, nin o festival de comparsas nin o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, entre outras actividades

Desfile do Entroido en Bueu
Desfile do Entroido en Bueu / Concello de Bueu

A situación actual da covid-19 en Bueu, municipio situado no nivel de alerta máxima, obrigou a tomar a decisión de suspender todos os actos do Entroido 2021.

Así llo comunicou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, ao Comité de Entroido, no que están representadas as comparsas da vila, as ANPAS e outros axentes colaboradores con esta festa.

Non haberá, polo tanto, nin desfile, nin o festival de comparsas nin o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, entre outras actividades.

Con todo, a pesar da cancelación de todos os actos presenciais, o Concello promove unha campaña de recollida de fotos históricas sobre esta tradición e coas que se organizará unha mostra virtual a través das redes sociais.

A finalidade é que "o espírito do Entroido continúe vivo", como apunta a edil nacionalista.

Así, as persoas que desexen enviar fotos poderán facelo mediante dúas vías: ou ben enviando un correo electrónico a [email protected] ou cubrindo un formulario na web municipal.