Buques con alta capacidade de carga comezan a atracar no Porto de Marín

Marín
29 de marzo 2018

O portacontedores Polar Costa Rica é o primeiro con 4.000 TEUS de capacidade que chega a Marín. O Posto de Inspección Fronteirizo tamén está a ampliarse para dispoñer de 10 peiraos de carga para dar cabida ao incremento de tráfico de mercadorías

O portacontedores Polar Costa Rica chega ao Porto de Marín Autoridade Portuaria de Marín

O Porto de Marín segue incrementando a súa actividade e as súas posibilidades de tráfico de mercadorías. Este xoves o portacontedores Polar Costa Rica atracaba na terminal de contedores, procedente de  Sudamérica. Trátase da primeira escala pertencente á liña regular de Hamburg Süd, que cada semana descarga froita do continente americano con destino á terminal de froita de Davila Reefer Terminal, entre outros produtos. 

Segundo informan desde a Autoridade Portuaria, trátase do primeiro buque de case 4.000 Teus de capacidade que chega ao porto. Pásase así de operacións en portacontedores de 2.500 Teus, con 12 colectores de manga a embarcacións con 15 colectores de manga. A Polar Costa Rica é un barco de 230 metros de eslora e unha manga superior aos 37 metros. Con estas entradas refórzase o servizo  Eurpa  Mexican  Caribean  Service de  Hamburg  Süd, que cada semana chega a Marín como primeiro porto de escala en Europa.

O servizo portuario dispón actualmente de todas as infraestruturas necesarias para acoller grandes buques. Conta con remolcadores de última xeración como o recentemente botado A. Alonso, unha embarcación de 30 metros de eslora, con máis de 75 toneladas de tiro sostido e de gran potencia.

Por outra banda, as instalacións portuarias seguen crecendo coa ampliación do Posto de Inspección Fronteirizo (PIF). Desta forma está previsto que se dispoña de 10 peiraos de carga e aumentarase a capacidade de tráfico de mercadorías ante o continuo crecemento da actividade. Segundo expoñen desde a Autoridade Portuaria, un dos aspectos que máis valoran os clientes é a axilidade operativa que se desenvolve no porto.