Buscan a contrarreloxo onde colocar a pantalla xigante para o España-Arxentina

Pontevedra
16 de xullo 2026

O Concello descartou a Praza da Ferrería e a Praza de España. Propuxo Raíña Vitoria que, segundo a Deputación, "carece das condicións mínimas de seguridade". Non hai nada decidido

Moita mocidade diante da pantalla instalada pola Deputación
Moita mocidade diante da pantalla instalada pola Deputación / PontevedraViva

A final do Mundial de fútbol, que o vindeiro domingo enfrontará a España contra Arxentina, poderase ver en Pontevedra en pantalla grande. Pero nestes momentos, a apenas 72 horas para o choque, aínda se descoñece onde.

Os problemas de visibilidade e espazo que se rexistraron coa pantalla instalada na Alameda para a semifinal do pasado luns contra Francia levaron á Deputación a estudar outros emprazamentos máis axeitados.

Pero atopouse, segundo denuncia a institución provincial, coa "falta de sensibilidade" do Concello, que rexeitou as dúas alternativas propostas polos organizadores: a Praza da Ferrería e a Praza de España.

O alcalde sostén que a Praza da Ferrería está ocupada pola feira de artesanía Chalana e que na Praza de España existe o compromiso de reducir os eventos tras unha denuncia veciñal elevada ante a valedora do Pobo.

Desde o Concello, tras estudar outras opcións como o recinto do Bigsound, o aparcadoiro do Recinto Feiral ou mesmo a praza de touros, propuxo instalar a pantalla en Raíña Vitoria, pero a Deputación descartouno.

Raíña Vitoria, segundo os técnicos provinciais, "carece das condicións mínimas de seguridade" para un evento destas características, ao que se esperan que acudan centos de persoas para ver o partido en comunidade.

"A seguridade é o primeiro e Raíña Vitoria non é a opción máis apropiada", sostivo o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, que garante que en todo caso haberá pantalla porque "nós poñemos a cidade por diante".

Domínguez lamenta que, pola contra, o alcalde "se poña a camiseta do BNG e non a dos pontevedreses" para facilitar a instalación desta pantalla.

En vista desta situación, a Deputación está a buscar agora outros emprazamentos na cidade para colocar a que, segundo destacan, será a única gran pantalla na cidade -como desde a rolda de oitavos- para animar á selección española.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora