Buscan nova localización para o 'skatepark' tras descartarse crealo en 12 de Novembro

Pontevedra
16 de maio 2017

Demetrio Gómez avanzou que xa están en negociacións con outra administración para buscar un emprazamento alternativo. O proxecto abordouse este martes na Comisión de Mobilidade do Concello de Pontevedra a través dunha moción presentada polo grupo municipal do PP   

Comisión de Mobilidade de Pontevedra
Comisión de Mobilidade de Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno local de Pontevedra descartou de forma definitiva o proxecto de crear unha pista de 'skatepark' na nova pasarela sobre a vía do tren habilitada na rúa 12 de Novembro. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, confirmou que se prescinde desa localización e avanzou que, de feito, xa están en negociacións con outra administración para buscar un emprazamento alternativo. 

Esas negociacións están a seguirse de forma discreta, de modo que Demetrio Gómez descarta facilitar datos sobre a administración coa que están en contacto ou a nova localización sobre a que se está traballando. 

O proxecto para un 'skatepark' abordouse este martes na Comisión de Mobilidade do Concello de Pontevedra a través dunha moción presentada polo grupo municipal do PP para o seu debate no próximo Pleno da Corporación. Os 'populares' piden que se constrúa a pista para usuarios de skates e patíns, pero non recibiron o apoio do resto dos grupos

Segundo explicou Demetrio Gómez, o grupo municipal do BNG votou en contra de habilitar ese espazo na o zona cuberta sobre a vía do tren, a pesar de que en 2016 o goberno local chegou a presentar detalles do proxecto, que prevía unha pista de 1.000 metros cadrados sobre a pasarela con elementos como chanzos, ramplas ou varandas, entre outros.

O grupo de goberno está a traballar na definición da nova localización desta pista, pero non hai nada decidido nin definitivo, só que descartan 12 de Novembro.