Buscan unha nova vida a máis de 100 vivendas en situación de abandono en Cerdedo

Cerdedo Cotobade
29 de setembro 2025

O Concello acompañará aos donos na tramitación de axudas autonómicas á rehabilitación, programas de eficiencia enerxética e accesibilidade e subvencións do IGVS. Cubela tivo unha reunión con eles

Reunión informativa sobre casas abandonadas en Cerdedo

O Concello de Cerdedo-Cotobade promove un proxecto pioneiro de recuperación e posta en valor de vivendas en estado ruinoso co obxectivo de darlles unha nova vida e ofrecer solucións reais ao problema da vivenda no rural.

O alcalde, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza en Cerdedo con propietarios de máis de 100 vivendas en situación de abandono en Cerdedo para a posta en marcha deste proxecto.

A reunión foi no multiusos de Cerdedo e o alcalde sinalou que o que se busca é mobilizar o parque de inmobles en desuso para poñelos á disposición de novas familias, fomentar o asentamento poboacional e revitalizar os núcleos rurais.
 
"Non podemos permitir que a paisaxe das nosas aldeas sexa a do abandono", sostén Cubela, que opina que cada casa recuperada é unha familia máis vivindo no centro das parroquias, un espazo cheo de vida e "un paso máis na loita contra o despoboamento".

Para o rexedor, "rehabilitar non é só reconstruír paredes, é reconstruír a nosa historia e garantir o futuro".

O proxecto pretende facilitar aos propietarios a toma de decisións sobre os seus inmobles, ofrecendo asesoramento técnico e xurídico, acompañamento nos trámites administrativos e apoio na solicitude de axudas públicas.

Ademais, o Concello traballa na creación dun banco municipal de vivendas abandonadas, que permitirá conectar a oferta de inmobles con posibles compradores ou promotores interesados na súa rehabilitación.

Cubela lembrou que a lexislación vixente establece claras obrigas para os propietarios de inmobles, entre elas, manter as edificacións en condicións de seguridade, salubridade e ornato e garantir a limpeza de fachadas, cubertas e espazos comúns, pasando pola obriga de previr riscos para peóns e veciños e cumprir cos requirimentos da administración local.

O incumprimento destas obrigas pode derivar en medidas como a execución subsidiaria das obras, sancións, venda forzosa, expropiación ou obriga de derribo ou rehabilitación.