O Concello de Barro fai un chamamento á veciñanza para colaborar como persoal voluntario na organización da XLVI Festa do Viño, que se celebrará entre o xoves 12 e o domingo 15 de xuño..
A iniciativa busca implicar á cidadanía para "facer da Festa do Viño un éxito colectivo", segundo informa o goberno local.
"Se che gusta colaborar, participar e vivir o noso concello desde dentro, esta é a túa oportunidade", sinala o comunicado municipal, que destaca a importancia da "implicación da veciñanza" para "facer de Barro un lugar vivo, participativo e orgulloso do que é".
As persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado poden inscribirse a través dun código QR ou mediante a ligazón www.barro.gal/contacto dispoñible na web municipal.
Na xornada do xoves 5 pechou o prazo de inscrición no tradicional Concurso de Viños Caseiros.
O certame contará con cinco categorías: branco país, tinto país, albariño, caíño e outras elaboracións de variedades autóctonas como mencía, plurivarietais, ratiño, rosados ou escumantes.
Cada participante deberá entregar tres botellas por cada viño presentado a concurso.
A primeira fase da cata celebrarase este sábado 7 de xuño ás 11:30 horas no Centro Cívico, mentres que a cata final terá lugar o domingo 15 de xuño ás 10:15 horas nas inmediacións do Pazo da Crega.