A Festa do Viño de Barro xa ten pregoeira. Será Salomé Cancela Romero, socia da cooperativa Viña Moraima. Ela será a encargada de inaugurar a que será a edición número 46 desta festa, que se celebrará entre os días 12 e 15 de xuño.
Viña Moraima foi fundada en Barro no ano 2006 por un grupo de viticultores locais convencidos do potencial e da calidade do viño local. Un deses impulsores foi o pai de Salomé Cancela, que vén dunha dunha familia cunha fonda tradición vitícola.
Salomé pertence á familia Mariño, unha das liñaxes históricas máis vinculadas á produción, elaboración e comercialización do viño en Barro. Familias coma a dos Mariño representan o peso da tradición, a paixón polo bo viño e o compromiso xeracional coa terra.
Ao longo da súa traxectoria, foi presidenta de Moraima e converteuse na primeira persoa de Barro en ser vogal do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, abrindo camiño para que a voz dos viticultores de Barro estivese presente nas tomas de decisións.
Ademais, o Concello salienta o papel protagonista de Moraima na recuperación da variedade autóctona ratiño, unha uva branca de pequeno tamaño e sabor singular, documentada xa en Barro no ano 1929.
Durante décadas estivo ao bordo da extinción debido á súa sensibilidade ás pragas, pero grazas á colaboración entre a Misión Biolóxica de Galicia e a cooperativa, esta xoia do patrimonio vitícola galego puido ser salvada.
Tras anos de traballo e trámites administrativos, a ratiño foi incluída en 2023 na Denominación de Orixe Rías Baixas, abríndolle as portas a un futuro con garantías comerciais. Moraima, pioneira na súa recuperación, xa elabora un viño con esta variedade que pronto chegará ao mercado.
A elección de Salomé Cancela como pregoeira, destaca o goberno municipal, representa un recoñecemento á tradición vitivinícola de Barro e, especialmente, ás persoas e proxectos que loitan cada día por dar visibilidade e prestixio ao viño do municipio.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que queren render homenaxe a todas as adegas do concello, "as que día a día manteñen viva a nosa identidade vitivinícola".
"A súa traxectoria é exemplo do que queremos celebrar nesta festa: tradición, compromiso, innovación e orgullo polo noso", subliñou Fernández Abraldes.
Celebrou tamén que un ano máis a Festa do Viño "poña no centro ás persoas e colectivos que, co seu traballo, dedicación e compromiso, fan que o noso concello medre e mellore".