Caldas aproba un orzamento de máis de seis millóns para o ano 2020

Umia
02 de xuño 2020

O documento, apoiado por PSOE e BNG, conxela taxas e impostos e aposta pola extensión da rede de saneamento e a compra de terreo para ampliar o instituto e construír un novo centro de saúde

Casa do Concello de Caldas
Casa do Concello de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas aprobou este martes o orzamento municipal correspondente ao ano 2020. O pleno deu luz verde de forma definitiva ás contas do goberno local grazas aos votos favorables de PSOE e BNG, mentres o PP votou en contra do documento.

O orzamento supera os seis millóns de euros e foi pactado entre socialistas e nacionalistas con temas como o medio ambiente, o reforzo da atención, o apoio ao rural ou o fomento da mobilidade sostible como eixos principais. Así mesmo, manter o compromiso co apoio á cultura, turismo e deporte era outro dos obxectivos de ambas as agrupacións.

O documento recolle partidas para a extensión da rede de saneamento en núcleos como o de Paradela, a mellora de viais municipais, a adquisición de terreos para ampliar o instituto e para o novo centro de saúde.

Ademais, sacarán adiante un novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar e reservarán partidas para emerxencia social, o CIM ou a promoción de políticas de igualdade. No apartado fiscal, remarcan a conxelación de taxas e impostos.

Facendo referencia á "excelente situación económica e financeira do Concello", o alcalde Juan Manuel Rey quixo destacar que "temos un remanente de máis de 1,5 millóns de euros e pertencemos ao selecto grupo de concellos con débeda cero". Un feito que, ao seu parecer, "permitiranos ofrecer unha mellor resposta nesta crise e esperamos que o goberno local permita reinvestir os aforros en beneficio dos veciños", rematou Rey.

Esta sesión plenaria serviu tamén para aprobar por unanimidade a adhesión do Concello de Caldas de Reis ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que compromete á institución para aplicar medidas que redunden na redución de emisións de dióxido de carbono e a posta en marcha dun plan de acción fronte á emerxencia climática.