Caldas consegue unha nova entrega do obradoiro de emprego para o sector forestal e da cantería

Umia
14 de setembro 2021

A segunda fase do programa Os camiños do Camiño ofrece formación e traballo durante nove meses a unha vintena de persoas, que se encargarán da recuperación paisaxística da contorna da fervenza de Segade

Obradoiro de emprego na contorna da fervenza de Segade, en Caldas Concello de Caldas

A leira de Segade, no Concello de Caldas, acollerá unha segunda fase do obradoiro de emprego dual "Os camiños do Camiño II". O alcalde Juan Manuel Rey anunciou este martes a aprobación deste novo programa que ten como obxectivo promover a formación e inserción no mercado laboral dunha vintena de persoas.

As actividades realizaranse na contorna da antiga central hidroeléctrica e o Concello recibirá unha subvención por importe de 346.946 euros para a formación e contratación de 20 alumnos traballadores cunha duración de 9 meses. Ademais tamén se aprobou un importe de 7.500 euros para incentivos á contratación. 

As especialidades aprobadas nesta ocasión son as de forestal e xardinería, asi como as de albanelería e cantería. Ambas as cunha capacidade máxima de dez alumnos.

As actuacións previstas son a recuperación paisaxística dos carreiros da ntigua central hidroeléctrica e da contorna da fervenza de Segade, así como o acondicionamento do bosque e consolidar os elementos patrimoniais dunha zona pola que transcorre o Camiño de Santiago.