Caldas de Reis estala ante o enésimo día sen médicos no centro de saúde

Umia
05 de novembro 2022

Nin un médico de garda había este sábado no centro de saúde de Caldas, segundo denuncia o goberno municipal. E no PAC, a situación non era mellor. Só había dúas enfermeiras que derivaban aos pacientes a outros centros de saúde da provincia

Centro de saúde de Caldas Concello de Caldas de Reis

Nin un médico de garda había este sábado no centro de saúde de Caldas, segundo denuncia o goberno municipal. E no PAC, a situación non era mellor. Só había dúas enfermeiras que derivaban aos pacientes a outros centros de saúde da provincia.

"Esta situación é insostible e totalmente inaceptable", lamenta o alcalde, Juan Manuel Rey, ao ser o PAC de Caldas a referencia para todos os pacientes da comarca.

A ausencia de médicos "vense repetindo moitos días nos últimos meses", segundo o rexedor, que apunta que esta mesma semana formáronse longas colas á entrada dunha clínica privada de Caldas ao non haber médicos no centro de saúde. 

As urxencias extrahospitalarias do PAC de Caldas atenden a unha poboación de 21.000 persoas dos municipios de Cuntis, Moraña, Portas e Caldas, nun ámbito territorial de 211 quilómetros cadrados, cunha gran dispersión de poboación. 

Ante esta situación, o alcalde convocará un pleno extraordinario urxente para que os tres grupos políticos se posicionen ante esta problemática e para esixir á Xunta de Galicia que solucione con rapidez a dotación de persoal médico no centro de saúde de Caldas. 

Rey avanza que o PSOE denunciará a estratexia de "enfraquecemento e desmantelamento" da sanidade pública por parte do Partido Popular para favorecer á sanidade privada, "o que acaba repercutindo en toda a cidadanía", especialmente nos máis desfavorecidos.