Caldas despide o Entroido cunha sardiña reivindicativa contra a variante

Umia
19 de febreiro 2026

A comitiva partirá ás 20:00 horas desde A Tafona, pasando polo Campo da Torre e a Rúa Real, até chegar á ponte da Ferrería, desde onde a sardiña será arroxada ao río Umia

Desfile de Entroido 2026 en Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis porá este venres o broche final ao seu Entroido co tradicional Enterro da Sardiña.

A cita, unha das máis esperadas do calendario festivo, este ano estará marcada por un claro carácter reinvidicativo.

E é que a protagonista irá vestida de integrante da Plataforma contra a Variante de Caldas, pondo de manifesto o importante problema que vive a veciñanza coa proposta do ministerio para esta nova infraestrutura.

O velorio e a saída do cortexo fúnebre serán na Tafona, nova localización onde se instalou a carpa de 450 metros cadrados que serviu de punto central para as celebracións destes días.

A comitiva partirá ás 20:00 horas, momento en que as persoas asistentes, vestidas de rigoroso loito, poderán render homenaxe á falecida.

O desfile, no que non faltará unha ficticia corporación municipal, integrantes da Garda Civil e representantes dos máis altos estamentos da Igrexa, percorrerá lugares como o Campo da Torre e a Rúa Real, até chegar á ponte da Ferrería, desde onde a sardiña será arroxada ao río Umia.

"Co caudal do río tras as últimas choivas, esperamos que a sardiña chegue polo menos até Cambados", chanceou o tenente de alcalde, Manuel Fariña.

A música correrá a cargo da Banda Municipal de Caldas e da agrupación de Batucada da Escola Municipal de Música, encargadas de crear un ambiente festivo e animar ás persoas asistentes.

Fariña animou a toda a cidadanía a participar nesta despedida que "vai unir tradición, festa, moita retranca e as lexítimas reclamacións da xente de Caldas", confiando ademais en que a meteorología acompañe tras os días de choiva que marcaron o arranque do Entroido.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora