A Tafona centralizará o Entroido de Caldas tras suspender o pasacalles escolar polo mal tempo

Umia
10 de febreiro 2026

O día central das festas, en calquera caso, será o desfile do domingo 15 e desenvolverase polas rúas da vila. Repartirase un importe total de 6.190 euros entre once categorías

Desfile de Entroido 2025 en Caldas
Desfile de Entroido 2025 en Caldas / Concello de Caldas de Reis

O mal tempo que estamos atravesando obriga a modificar os planes para o Entroido de Caldas. Así, segundo avanzou o goberno municipal, A Tafona centralizará as súas celebracións estáticas.

Tanto a festa de máscaras deste venres, a festa infantil do luns e o Enterro da Sardiña do venres 20 faranse neste novo escenario, en lugar de na praza de Sesto Casal.

Ademais, o pasacalles escolar conxunto previsto para este venres transformarase nunha celebración interna en cada centro de ensino.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, subliñou que a decisión de anular o desfile escolar no que ían participarán máis de 1.000 nenas e nenos de todo o municipio foi tomada en conxunto coa comunidade educativa tanto pola seguridade como pola comodidade da rapazada.

A intención é que cada centro faga a festa nas súas instalacións, moi probablemente nos interiores, co fin de gozar sen ter que preocuparse polo mal tempo nun ambiente máis relaxado. 

Ademais, levaranse doces tradicionais de Entroido (orellas principalmente) a cada colexio para que a rapazada goce da merenda prometida como broche final da xornada. 

O día central das festas, en calquera caso, será o desfile do domingo 15 e desenvolverase polas rúas da vila. Repartirase un importe total de 6.190 euros entre once categorías.

Dúas delas, as de carrozas e de mellor animación, acumularanse ás nove restantes: grupos -inclúense aquí comparsas, fanfarrias ou murgas-, parellas e individuais - todas elas nas modalidades de persoas adultas e infantil-, e centros educativos e ANPAs.

O xurado valorará a animación, espectacularidade, orixinalidade e música en directo, outorgando tres premios por categoría de entre os 400 e os 50 euros.

Os galardóns entregaranse media hora despois de que finalice o desfile, sobre as nove da noite. 

Arquivado en