Máis dun millar de nenas e nenos abrirán o Entroido de Caldas cun pasarrúas escolar

Umia
27 de xaneiro 2026

O desfile do domingo 15 de febreiro repartirá 6.190 euros en premios para 11 categorías. O baile infantil trasládase á Tafona, onde tamén se celebrará unha festa privada para mil personas

Desfile de Entroido 2025 en Caldas
Desfile de Entroido 2025 en Caldas / Concello de Caldas de Reis

Máis de 1.000 rapaces e rapazas abrirán o venres 13 de febreiro o Entroido de Caldas cun pasarrúas escolar. 

A cita, que se celebrou por primeira vez en 2025 con grande éxito, busca potenciar que as e os máis cativos enchan a vila de cor e sexan protagonistas. 

O tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña, explica que será ás once da mañá e participarán escolares dos centros educativos de Infantil e Primaria (CRA de Caldas, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente, CPR Encarnación e San Fermín), así como tamén de ensino secundario.

Sairán da Prazuela para percorrer a Rúa Real, Campo da Torre, Praza Sesto Casal e Rúa Porto do Río con volta á Prazuela. Como broche final, haberá unha pequena merenda festiva con doces típicos do Entroido

A programación do Entroido estrea este ano, como novidade, unha festa na Tafona organizada por promotores locais nunha carpa de grandes dimensións. É unha iniciativa privada, pero contará con apoio do Concello.

Será ese mesmo venres 13 de febreiro pola noite, haberá que pagar entrada e haberá DJ, barras e algunhas sorpresas.

A capacidade total da carpa será de 1.000 persoas e só nas primeiras horas xa se venderon preto de 800 tiques.

O desfile central do Entroido será o domingo 15 e repartirá un importe total de 6.190 euros en premios entre 11 categorías.

O xurado valorará a animación, espectacularidade, orixinalidade e música en directo, outorgando tres premios por categoría de entre os 400 e os 50 euros.

O luns 16, ás cinco da tarde, está prevista a xa tradicional festa infantil, que este ano se trasladará da Praza Sesto Casal á Tafona. Haberá, como xa é habitual, sesión de DJ e tamén espectáculo musical.

O broche final do Entroido de Caldas será o Enterro da Sardiña o venres 20 a partir das oito da tarde.

Arquivado en