A praza Sesto Casal converteuse este luns no epicentro da diversión infantil coa celebración da Festa de Entroido, unha cita que reuniu a máis de 600 nenos e nenas acompañados das súas familias.
A carpa do entroido, instalada na praza, quedou pequena ante a multitude de participantes que chegaron cos seus mellores disfraces para pasar unha xornada de festa.
O evento estivo animado polo enérxico ritmo do DJ Pita e pola actuación da Banda Tic, Tac, Toc, que puxeron a bailar a todos os presentes.

A festividade continuará o venres, 7 de marzo, co tradicional Enterro da Sardiña.
O velorio dará comezo ás 20:00 horas na praza Sesto Casal, onde se lle rendirán as últimas honras á sardiña con copas e loas.
A continuación, terá lugar un desfile que percorrerá as rúas da vila ata chegar á Ponte da Ferrería, onde a sardiña será lanzada ao río, poñendo fin simbólico ao entroido.
Este acto, que combina tradición, humor e participación veciñal, está organizado polo Concello de Caldas e espera reunir a numeroso público para despedir o entroido cos choros e as risas correspondentes.