Caldas de Reis pasará por un novo operativo especial de limpeza ao longo das próximas semanas co fin de arrombar todo o municipio. Así o anunciou o alcalde da localidade Jacobo Pérez, que informou de que os traballos para esta posta a punto comezarán nos próximos días.
Tal e como explican desde o Concello, esta limpeza de rúas e espazos públicos afectará tanto ao centro urbano como ás zonas do rural e iniciarase unha vez terminen os traballos de reparación das fochas e fochancas das vías municipais.
O propio Jacobo Pérez apunta que os operarios traballarán por zonas e barriadas. Todos os residentes serán avisados previamente xa que será necesario prohibir temporalmente o estacionamento nas zonas de traballo para permitir a mobilidade da maquinaria de limpeza.
"Ademais de traballos de limpeza a man tamén se vai a facer uso da hidrolavadora e da varredora, polo que os operarios precisan de espazo suficiente para garantir que os traballos se realicen con todas as garantías", afirmou o alcalde de Caldas.
Desde o Concello explican que estes traballos de limpeza tamén se van a trasladar ás parroquias do rural e que a intención é terminar de arrombar todo antes do 15 de agosto.

Será a terceira mobilización de limpeza completa no último ano e medio, unha actuación que reforza os traballos que levan a cabo ao longo de todo o ano.
Jacobo Pérez apunta que "o facemos para paliar a falta de persoal que ten o Concello para a recollida de RSU".
"Queremos un Caldas de Reis limpo e cómodo para toda a veciñanza e para as persoas que nos visitan, así como para os peregrinos que fan o camiño portugués", concluíu o alcalde.