Caldas propón un intercambio de cromos do Mundial antes do España-Portugal

Umia
03 de xullo 2026

Desde o Concello animan a sumarse a esta iniciativa, que se celebrará ás 19:30 horas no Parque da Prazuela. A actividade está enmarcada dentro da programación estival do municipio

Cromos do Mundial 2026
Cromos do Mundial 2026 / Antía Quinteiro García

Caldas de Reis organiza o vindeiro luns, 6 de xullo, unha nova iniciativa dirixida a amantes do fútbol e do coleccionismo.

Trátase do primeiro intercambio de cromos do Mundial, unha cita aberta a persoas de todas as idades que terá lugar no Parque da Prazuela a partir das 19:30 horas.

A proposta xorde por mor dunha petición veciñal, tal e como explica o alcalde, Jacobo Pérez, quen destaca que "pode atraer a moitos nenos e nenas aos que lles gusta intercambiar cromos para encher as súas álbumes, nunha época do ano na que, ao remataren as clases, é máis complicado de conseguir".

Esta actividade enmárcase dentro da programación estival do municipio, co obxectivo de fomentar o encontro entre a mocidade na Prazuela.

Desde o Concello animan a sumarse a esta iniciativa, que se celebrará hora e media antes do partido de cuartos de final que enfrontará á selección española con Portugal a partir das 21:00 horas.

"Que mellor maneira que gozar dun partido tan importante que compartindo a experiencia con amizades nalgunha das terrazas dos establecementos hostaleiros que temos en Caldas de Reis", sinalou o rexedor.

Para dar difusión á actividade, o propio Jacobo Pérez visitou este venres os participantes da Ludoteca de Verán, onde entregou carteis informativos sobre a cita.

Por outra banda, no caso de que España logre clasificarse para a final do Mundial, o Concello, en colaboración coa Asociación de Hostalaría de Caldas de Reis, prevé instalar unha pantalla xigante para seguir o partido, que se disputaría o domingo 19 de xullo.

A intención é situala na Tafona, onde tamén haberá ambientación musical para acompañar a xornada.