Caldas inicia un plan intensivo para limpar e arrombar todo o municipio

Umia
07 de xullo 2026

O Concello prevé completar antes do 15 de agosto unha mobilización de limpeza que abarcará o centro urbano e as parroquias do rural

Hidrolavadora limpando unha beirarrúa Concello de Caldas

Caldas de Reis pasará por un novo operativo especial de limpeza ao longo das próximas semanas co fin de arrombar todo o municipio. Así o anunciou o alcalde da localidade Jacobo Pérez, que informou de que os traballos para esta posta a punto comezarán nos próximos días.

Tal e como explican desde o Concello, esta limpeza de rúas e espazos públicos afectará tanto ao centro urbano como ás zonas do rural e iniciarase unha vez terminen os traballos de reparación das fochas e fochancas das vías municipais.

O propio Jacobo Pérez apunta que os operarios traballarán por zonas e barriadas. Todos os residentes serán avisados previamente xa que será necesario prohibir temporalmente o estacionamento nas zonas de traballo para permitir a mobilidade da maquinaria de limpeza.

"Ademais de traballos de limpeza a man tamén se vai a facer uso da hidrolavadora e da varredora, polo que os operarios precisan de espazo suficiente para garantir que os traballos se realicen con todas as garantías", afirmou o alcalde de Caldas.

Desde o Concello explican que estes traballos de limpeza tamén se van a trasladar ás parroquias do rural e que a intención é terminar de arrombar todo antes do 15 de agosto.

Sinalización de limpeza viariaConcello de Caldas

Será a terceira mobilización de limpeza completa no último ano e medio, unha actuación que reforza os traballos que levan a cabo ao longo de todo o ano.

Jacobo Pérez apunta que "o facemos para paliar a falta de persoal que ten o Concello para a recollida de RSU".

"Queremos un Caldas de Reis limpo e cómodo para toda a veciñanza e para as persoas que nos visitan, así como para os peregrinos que fan o camiño portugués", concluíu o alcalde.