Caldas programa un mes de actividades ao redor do Día Internacional da Muller

Umia
25 de febreiro 2021

Desenvolveranse unha serie de obradoiros de sensibilización sobre estereotipos de xénero na mocidade e de fomento da igualdade dirixidos ao alumnado de cuarto ou quinto de primaria e porase en marcha o proxecto "8 de marzo: mulleres da vila", centrado en 18 mulleres emprendedoras caldenses

Concello de Caldas de Reis
Concello de Caldas de Reis / Mónica Patxot

A concelleira de Igualdade de Caldas de Reis, Inés Fuentes, informaba este xoves da programación de actividades que se levarán a cabo durante todo o mes de marzo, ao redor da conmemoración do Día Internacional da Muller.

A concelleira destaca que "este ano pretendemos visibilizar as mulleres que se encontran na primeira liña da crise da COVID-19 como traballadoras da saúde, coidadoras, innovadoras e organizadoras comunitarias. Esta crise puxo de relevo a importancia da contribución das mulleres e as cargas desproporcionadas que soportan e o Concello de Caldas quere seguir fomentando a educación e a participación cidadá nesta loita".

Por unha parte, desenvolveranse unha serie de obradoiros de sensibilización sobre estereotipos de xénero na mocidade e de fomento da igualdade dirixidos ao alumnado de cuarto ou quinto de primaria dos centros educativos da vila termal: CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente, CPR A Encarnación e CPR San Fermín. Durante tres sesións de 50 minutos cada unha traballarán temáticas como a identidade sexual e roles de xénero, as tarefas domésticas e a igualdade entre sexos. Os obradoiros serán conducidos por profesionais da materia, combinando material audiovisual, xogos e debates.

Por outra banda, o proxecto "8 de marzo: mulleres da vila" está centrado en 18 mulleres emprendedoras caldenses que a través dos seus negocios e establecementos comerciais dan vida ás rúas e ofrecen os seus servizos á cidade e á cidadanía. Unha serie de fotografías expostas nos seus escaparates e un vídeo contando as súas historias conformarán unha homenaxe a estas mulleres polo seu traballo e coraxe.

Todas estas actividades están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra, a través do seu programa específico de fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

Así mesmo, o edificio consistorial ornamentarase durante o mes de marzo cunha alfombra de cor lila colocada no balcón principal, conmemorando a loita da muller pola súa participación en igualdade a do home.