O Concello de Caldas de Reis traballa a contrarreloxo para garantir a continuidade da residencia de maiores do municipio despois de que a congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados comunicase a súa intención de deixar de prestar o servizo a partir do próximo 30 de setembro.
A prioridade do goberno local pasa por asegurar tanto a atención aos preto de 80 usuarios do centro como o mantemento dos 40 postos de traballo existentes neste momento.
O alcalde da localidade, Jacobo Pérez, reuniu este venres á Xunta de Portavoces para informar os grupos municipais sobre unha situación que, recoñeceu, "colleunos por sorpresa", especialmente despois de que o pasado mes de maio o Concello trasladase á congregación que necesitaba máis marxe para elaborar os informes necesarios, ao carecer entón de secretario municipal e asesor xurídico.
"Para nós é unha prioridade salvagardar os postos de traballo e os coidados que reciben os usuarios do asilo e, ante esta situación, imos traballar a contrarreloxo e pór todo da nosa parte", sinalou o rexedor, que apuntou ademais que o Concello xa solicitou o apoio dos servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra para acelerar a tramitación.
Segundo explicou o goberno local, a congregación trasladou a súa intención de que unha empresa privada asuma a xestión do centro a partir de setembro.
Ante esta posibilidade, o Concello solicitou coñecer con detalle o contido do convenio e os compromisos adquiridos que poidan afectar a usuarios, familiares e traballadoras antes de adoptar calquera decisión.
Ademais, o Concello de Caldas manterá reunións co persoal e cos familiares dos residentes: "Este servizo leva máis de 130 anos operativo e hai que analizar todo en profundidade para que, si a congregación dá un paso ao carón, poida continuar operativo con todos os requisitos que marca a lei".
A pesar de que a decisión da congregación de abandonar a xestión do asilo colleu por sorpresa ao executivo municipal, Jacobo Pérez quixo expresar o seu agradecemento ás Hermanitas de los Ancianos Desamparados polo seu labor, que "se remonta a finais do século XIX e foi moi necesario e importante para o municipio".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.