A partir deste venres 19 de decembro e ata o 5 de xaneiro, A Lama ofrecerá unha programación de diversas actividades para o público familiar.
A iniciativa, froito do traballo coordinado das concellerías de Cultura e Deportes, e de Igualdade e Servizos Sociais, abrangue propostas culturais, educativas, familiares e solidarias deseñadas para fomentar a participación de todos os públicos.
A programación comezará o venres 19 cun Festival de Nadal no colexio, onde se fará a tradicional entrega de agasallos ao alumnado.
Os días seguintes, o Multiusos da Lama converterase no escenario de diversas actividades: o 20 de decembro cun taller de adornos florais para toda a familia, e o 22 de decembro cun obradoiro de cociña de galletas de xenxibre.
O 23 de decembro, a igualdade será a protagonista cunha sesión de contacontos que busca transmitir valores desde a infancia.
A xornada do 26 de decembro será especialmente intensa, con teatro para todos os públicos ("Iguais e diferentes") pola mañá, e unha nova sesión de contacontos coa presenza do Grinch pola tarde.
Ademais, o 27 de decembro, a rapazada terá a oportunidade de visitar Nadal Xogos en Pontevedra, con saída desde o Concello.
A recta final do ano incluirá outro contacontos o 29 de decembro, coa representación de "As aventuras de Joe & Fonte" de Aurora Corbacho, e un obradoiro de manualidades o 30 de decembro, onde se crearán figuriñas con papel de xornal, fomentando a creatividade e a reutilización.

Na presentación do programa, o alcalde David Carrera, acompañado por Plácido Pillado Alfaya e Trinidad Fernández Oubiña, concelleiros de Cultura e Deportes, e Igualdade e Servizos Sociais respectivamente, subliñou que o obxectivo é "reforzar os lazos comunitarios" e ofrecer un programa que "chegue a todas as idades e a todos os lugares do municipio, apostando pola cultura, pola infancia e polos valores sociais".
SOLIDARIEDADE
O novo ano comezará co tradicional Percorrido dos Paxes Reais o 2 de xaneiro, que visitarán as parroquias da Lama para recoller as cartas destinadas aos Reis Magos.
O sábado 3 de xaneiro celebrarase un dos momentos máis agardados: a Gran Cabalgata de Reis, que contará cunha chocolatada e unha recepción real no Multiusos da Lama.
As Súas Maxestades chegarán este ano en sidecar, escoltados pola agrupación de moteiros "Os Lóstregos" e unha batucada.
A vertente solidaria do programa maniféstase o 4 de xaneiro co Concerto de Nadal Quilo Solidario, a cargo de Acorde Sons do Verdugo e artistas convidados, no salón de actos do CEIP da Lama.
Neste evento recolleranse alimentos para fins sociais, e finalizará cunha chocolatada para os asistentes.
O peche da programación será o 5 de xaneiro cunha proposta de teatro musical e familiar, "O Marabilloso Mundo de Oz", do grupo de Ponte Caldelas "Os Ilusionistas", que se representará no Multiusos.