O centro de Arcade, en Soutomaior, vivirá durante a vindeira semana unha serie de cambios de tráfico derivados das obras de humanización do Camiño de Santiago.
Os traballos entran xa na súa recta final e, para poder rematalos, será preciso pechar ao tráfico a rúa Rosalía de Castro.
Durante a vindeira semana, dende o 17 ata o 23 de novembro, soamente poderán acceder á rúa servizos, residentes e usuarios e usuarias de aparcamentos.
Os cambios afectarán ao coñecido como cruce de Pierres. O tránsito para dirixirse a Pontevedra dende o centro de Arcade deberá facerse, con carácter xeral, pola Feira.

Ademais, a saída do parking do supermercado desta rúa estará pechada ao tráfico, o que significa que a entrada e saída para este establecemento faranse pola entrada actual.
Tamén haberá modificacións nas paradas do autobús. A do Chuco (Rosalía de Castro) trasladarase ao Muxica e a do Corse (avenida Xosé Solla) trasladarase ao cruce de Pierres.
O goberno local quere agradecer a colaboración e comprensión da veciñanza e dos establecementos comerciais.
Estas obras supoñen un investimento de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
