Dende hai uns días dous colectores industriais estan aparcados na Praza de Ourense fronte a igrexa da Peregrina. Este tipo de instalacións coñécense en publicidade coma "totems" e serven para captar a atención do cidadán para publicitar un evento ou un produto. Neste caso era a promoción do Concurso/Exposición Internacional da Camelia.
Este martes, a deputada provincial de Sectores Produtivos Primarios e delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Villaverde, acompañada do chef do Grupo Nove Iñaki Bretal e do director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo, presentaron este evento que nesta ocasión ten nome "Os sentidos da camelia".
Terá lugar os vindeiros 19 e 20 de marzo, no Recinto Feiral de Pontevedra. Trátase dunha mostra cuxa sede vai rotando anualmente con Vigo e Vilagarcía de Arousa e que tradicionalmente reúne decenas de expositores que traen as súas flores de diferentes concellos de toda Galicia, pero tamén de Portugal, Francia ou Italia.
Na edición deste ano a organización da mostra é responsabilidade da Deputación de Pontevedra e o seu obxectivo é ampliar o alcance da iniciativa. Preténdese enxalzar a camelia tanto como flor ornamental, que representa un pracer para a vista, coma para os catro sentidos restantes.
Cada sentido terá un espazo especial dentro da exposición
Cada sentido terá un espazo especial dentro da exposición.
- Así, o sentido da vista servirá para mostrar os diferentes cultivares de camelia de cada expositor.
- No espazo dedicado ao sentido do oído faranse contacontos para nenos, recitados de versos…
- No sentido do olfacto daranse a coñecer as camelias olorosas (grandes descoñecidas), así como os aromas dos tés de camelia, de produtos cosméticos coma os aceites, xabóns ou cremas.
- No sentido do tacto permitiráselles aos visitantes coller e manipular tanto as follas coma os pétalos, sementes, troncos da árbore e tamén usar aceites.
- Para o sentido do gusto están a traballar cos mellores xefes de cociña da provincia para utilizar a camelia como ingrediente.
A exposición abre ao público o sábado 19 de marzo a partir das 17:00 horas no Recinto Feiral.