O Concello de Poio comeza a programación da campaña 25N para combater as violencias machistas, coa mocidade como protagonista e a igualdade como eixo transversal.
"Construíndo o home do futuro. 25N novas masculinidades" é o lema escollido para unha campaña que se estenderá ao longo de todo o mes e que pretende transformar as relacións de xénero desde a base educativa, apostando por valores como o respecto, a empatía e a corresponsabilidade.
O alcalde, Ángel Moldes, xunto á concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, deron a coñecer esta iniciativa, que define unha estratexia "potente, directa e reflexiva" para sensibilizar a sociedade de Poio.
Moldes sinalou a importancia de educar en igualdade para desmontar estereotipos que perpetúan a violencia e salientou a aposta por unha mocidade crítica e activa que saiba identificar e rexeitar calquera forma de maltrato.
Raquel Morales subliñou o papel clave da adolescencia na construción da identidade, apuntando que cuestionar os modelos tradicionais e hexemónicos é esencial para fomentar unha cultura de igualdade e eliminar a violencia de xénero.
Pola súa parte, Natividad Torres instou a abandonar os vellos roles e apostou por unha igualdade "real e viva", fronte aos perigos dunha sociedade despersonalizada e dixital.
A programación do 25N inclúe actividades en todos os ámbitos, dirixidas a diferentes públicos e con especial incidencia na comunidade educativa:
-
Obradoiros prácticos sobre intelixencia artificial e prevención da violencia de xénero para o alumnado do IES de Poio.
-
Talleres no IES de Poio que abordan as masculinidades e feminidades, animando a construír identidades libres de prexuízos.
-
Contacontos sobre prevención da violencia e ciberseguridade para o alumnado de primaria.
-
Iniciativas para desenmascarar a influencia dos youtubers e influencers entre o estudantado da ESO, que se desenvolverá no IES de Poio.
-
Cursos de promoción da igualdade destinados a persoas maiores de 60 anos, organizados en colaboración coa Confederación Estatal de Maiores Activos. Terán lugar o 11 e o 13 de novembro.
-
Obradoiros de defensa persoal e autoprotección para mulleres, cun enfoque práctico e emocional. Serán o 12 e 15 de novembro. As interesadas deberán inscribirse previamente no CIM.
-
A tradicional "Andaina Violeta", o domingo 23 de novembro, que unirá simbolicamente as localidades de Combarro e Campelo, rematando coa lectura dun manifesto e a proxección dun documental sobre as conclusións dos talleres.
-
Exposición artística "Expressarte: 15 visións", aberta ao público do 24 de novembro ao 16 de decembro no IES de Poio, cun tributo ás mulleres vítimas da violencia.
-
O martes 25, diante da Casa Consistorial, celebrarase o acto institucional do 25N, co tradicional parón e a lectura do manifesto pola igualdade.
Desde o Concello de Poio centran a actividade na educación, o respecto e a implicación de toda a sociedade coa idea de crear o home do futuro, alonxado de vellos roles machistas.