Campo Lameiro acollerá unhas xornadas internacionais sobre a arte rupestre atlántica

O Campo Lameiro
07 de setembro 2025
Actualizado: 17:53

O encontro busca promover un espazo de cooperación entre universidades, museos, centros de interpretación e colectivos especializados para afianzar o papel de Galicia como territorio de referencia

Petróglifos de Campo Lameiro
Petróglifos de Campo Lameiro / Xunta de Galicia

Especialistas en petróglifos de relevancia a nivel internacional chegados de Irlanda, Escocia, Portugal e Galicia reuniranse en Campo Lameiro os próximos días 20 e 21 de setembro.

Será no marco das I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica, que a Xunta de Galicia organiza no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR).

Estes expertos analizarán o patrimonio máis senlleiro a través de obradoiros, charlas e relatorios.

A proposta xorde a raíz dun patrimonio compartido que conecta Galicia, Portugal e as illas británicas a través de expresións culturais e simbólicas comúns da Prehistoria.

Así, o encontro ten como finalidade promover un espazo de cooperación entre universidades, museos, centros de interpretación e colectivos especializados, para afianzar o papel de Galicia como un territorio de referencia na investigación, protección e divulgación desta arte rupestre.

O programa do sábado está centrado en actividades prácticas e de campo, cun obradoiro de restauración da arte rupestre a cargo de Alejandro Javier Pujales, conservador-restaurador especializado en arqueoloxía.

Completarase con outra proposta de rexistro e fotogrametría 3D do grupo GEPN-AAT da Universidade de Santiago, integrado por Alia Vázquez, Miguel Carrero e Alexis Maldonado, que presentarán un proxecto para a documentación da arte rupestre de Campo Lameiro.

A xornada pechará cun percorrido guiado polos petróglifos estudados por Ramón Sobrino Buhigas e Sobrino Lorenzo nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, ademais dunha visita especial nocturna aos petróglifos do parque arqueolóxico.

Xa no domingo, impartiranse varios relatorios. Así, Xosé-Lois Armada, membro do Incipit, falará sobre as conexións atlánticas durante a Idade do Bronce; e Joana Valdez-Tullet, procedente da Durham University, afondará sobre o pasado, presente e futuro da arte rupestre atlántica.

A eles se sumarán Elizabeth Shee Twohig, da University College Cork, que intervirá sobre a continuidade e transformacións na arte megalítica irlandesa; e Fernando Carrera, ex director da Escola de Restauración de Pontevedra, reflexionará sobre a conservación da arte rupestre.

Elena Cabrejas, do Incipit, presentará o proxecto Laxe dos Bolos, o coloso descoñecido da arte rupestre atlántica, e Sofía Figueiredo-Persson, da Universidade NOVA de Lisboa, centrarase na mediación cultural a través de imaxes e experiencias.

Posteriormente, pechará o encontro unha mesa redonda que permitirá identificar liñas de cooperación e fortalecer redes internacionais para a documentación e conservación do patrimonio rupestre.

A asistencia a este encontro é de balde, previa reserva de praza a través da web do PAAR.