As tarefas de mantemento e limpeza realizadas pola empresa Citania Arqueoloxía no xacemento dos Ballotes, en Vilagarcía de Arousa, permitiron descobrir novos petróglifos de motivos xeométricos na zona alta da finca.
O achado produciuse sen necesidade de escavación, cando un corremento de terra orixinado pola limpeza dunha propiedade contigua sacou á luz estas novas mostras de arte rupestre.
Os petróglifos dos Ballotes, con aproximadamente 4.000 anos de antigüidade, son considerados "dos máis importantes a nivel galego", segundo destacou o alcalde Alberto Varela durante a súa visita ao lugar acompañado do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou.
O xacemento, situado en Bamio, está formado por 11 rochas con gravados tanto xeométricos como zoomorfos, e destaca pola súa singularidade ao presentar unha alta concentración de figuras nun espazo reducido.
Iria López, representante da empresa encargada dos traballos, explicou que "algúns dos debuxos estaban moi tapados polos liques", polo que foi necesario acometer estas labores de mantemento. Ademais, instalouse nova sinalización e acondicionouse o entorno.
Segundo os expertos, hai posibilidades de que os petróglifos dos Ballotes estean relacionados cos de Campo Lameiro, Xiabre e outros atopados na outra beira do río Ulla, en Rianxo, unha hipótese que xa está sendo estudada por arqueólogos.
O Concello de Vilagarcía non descarta realizar novas intervencións no futuro, xa que "cada vez que se fai unha intervención aparecen novos gravados", o que suxire que aínda poderían quedar máis figuras por descobrir baixo as zonas terrosas entre as rochas.

O alcalde aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao civismo e destacar a importancia de protexer o patrimonio, especialmente tras o recente acto vandálico que afectou á cruz de Xiabre, xa restaurada polos operarios municipais.
"Valoramos o que coñecemos e protexemos o que valoramos", concluíu Varela.