Campo Lameiro alerta dunha onda de "vendas agresivas" a persoas maiores nas casas

O Campo Lameiro
24 de febreiro 2026

O Concello advirte sobre visitas comerciais que buscan presionar a persoas maiores que viven soas para obter datos e sinaturas

Persoa chamando nun domicilio
Persoa chamando nun domicilio / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro lanzou nestes días unha alerta pública tras detectar a presenza de individuos que empregan técnicas de venda agresiva nos domicilios do municipio.

Estas prácticas teñen como obxectivo prioritario as persoas maiores que viven soas, un colectivo especialmente vulnerable ante este tipo de estratexias comerciais intrusivas.

Segundo informou a administración local a través das súas redes sociais, estas persoas utilizan métodos baseados na manipulación e na creación dunha falsa sensación de urxencia.

O obxectivo é forzar transaccións inmediatas e compras impulsivas, ignorando as necesidades reais dos residentes e aproveitando a súa boa fe mediante técnicas de alto impacto emocional e psicolóxico.

Ante esta situación, o goberno local recomenda á veciñanza non atender a estes vendedores nin facilitar ningún tipo de dato persoal.

Desde o goberno local inciden na importancia de non asinar ningún documento nin contrato nas vivendas, xa que estas firmas poderían ser utilizadas posteriormente para emitir recibos de cobro non desexados.

Dende o Concello instan aos veciños e veciñas a solicitar asesoramento antes de aceptar calquera oferta e, en caso de percibir calquera indicio de acoso ou presión excesiva, contactar de xeito inmediato coa Garda Civil para informar dos feitos.